A Aula Tecnolóxica de Milladoiro presenta unha manchea de cursos para o último trimestre de ano
mércores, 21 de setembro do 2022
A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da
Comunicación, Natividade González, e maila técnica responsábel da
Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do
Milladoiro, Almudena Caamaño, presentaron
este martes 20 de setembro na Casa da Cultura desta localidade a
programación da AMTIC para o último trimestre deste ano. Dita
programación, sinalaron, está dividida en dúas partes. Por unha
banda, vaise impartir o segundo modulo do curso de alfabetización
dixital que se impartirá no rural de Ames, e por outra banda,
impartiranse 9 cursos de xeito presencial e en liña nas instalacións
da AMTIC dirixidos a nenos/as e adultos.
Na cita cos medios González e Caamaño lembraron
que a AMTIC inicia esta nova andaina formativa logo de ter aberto as
súas portas no pasado mes de abril “cun renovado aspecto” e
“tras experimentar unha reforma e unha modernización do espazo e
dos seus equipos informáticos”. A aula, que se atopa no andar
baixo da Casa da Cultura do Milladoiro, conta con doce equipos, un
deles cun posto accesíbel e adaptado para persoas con mobilidade
reducida. O proxecto de renovación foi impulsado pola Concellaría
de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación.
Curso de alfabetización dixital no rural
Durante os meses de outubro, novembro e decembro vaise a
impartir o segundo
modulo do curso de alfabetización dixital no rural de Ames. Esta
actividades impartirase nos locais sociais de Agrón, Trasmonte,
Bugallido, Biduído, Ortoño, Tapia, Ameixenda, Augapesada e Covas.
Neste curso terá prioridade o alumnado que participou no primeiro
modulo deste mesmo curso en 2021. González e Caamaño sinalaron que
no caso de que queden prazas libres abrirase un período de
inscrición para aquela veciñanza que desexe inscribirse.
Participarán 90 persoas, 10 por curso que se imparte en cada local
social.
Para participar neste segundo modulo é necesario
ter coñecementos de informática a nivel básico. Impartiranse
nocións de Windows 10, ofimática: Word - Excel, internet, a nube,
correo electrónico, seguridade na rede, redes sociais, e usos dos
dispositivos móbiles. En total, achegaranse 25 horas de clases
prácticas. Ademais, as persoas que participen en dito curso
visitarán as aulas de informática de Bertamiráns (Aula CeMIT) e do
Milladoiro (AMTIC), para que as coñezan e se o desexan poidan seguir
ampliando os seus coñecemento de informática en ditas instalacións.
A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da
Comunicación, Natividade González, destacou que “a primeira
edición do curso de alfabetización no rural tivo un gran éxito de
participación e ante a demanda das/os participantes de facer un
segundo curso para seguir ampliando os coñecementos en informática,
comprometinme a que se impartiría un segundo módulo. Deste xeito,
imos continuar con este programa que tan ben está funcionando nos
locais sociais do rural. Ademais, na Aula de Informática do
Milladoiro vaise impartir un amplo programa que inclúe nove cursos
que se impartirán de xeito presencial e en liña durante o último
trimestre do ano”.
Programación da AMTIC
A
programación
que se vai impartir na Aula Municipal Tecnolóxica da Información e
da Comunicación do Milladoiro vaise facer de xeito presencial,
pero tamén haberá actividades en liña que se van desenvolver de
xeito simultáneo na Aula CeMIT de Bertamiráns e na AMTIC.
Do 4 ao 27 de outubro impartirase de xeito
presencial un curso de iniciación á informática para adultos que
está dirixido a persoas maiores de 18 anos. Para esta actividade
ofértanse 12 prazas. Impartirase os martes e xoves de 10.00 a 11.30
ou de 18.30 a 20.00 horas. Tamén en outubro vaise ofrecer de xeito
presencial un curso de mecanografía para nenos/as (do 3 ao 31 de
outubro), que está destinados a rapaces e rapazas de máis de 7
anos. Desenvolveranse os luns e mércores de 18.00 a 19.00 horas.
Para este curso tamén se ofrecen 12 prazas.
No mes de novembro haberá dous novos cursos con
formato presencial. Do 8 de novembro ao 1 de decembro impartirase o
obradoiro de mecanografía para maiores de 18 anos. Será os martes e
xoves de 10.00 a 11.30 horas ou de 18.30 a 20.00 horas. Ofértanse 12
prazas. Ademais, do 7 ao 30 de novembro ofrecerase un curso de
iniciación á informática para nenos e nenas a partir dos 7 anos de
idade. Realizarase os luns e mércores de 18.00 a 19.00 horas.
Ofrécense tamén 12 prazas para eta actividade.
Para o mes de decembro hai programados dous cursos
presenciais. O primeiro será sobre compras seguras en Internet para
maiores de 18 anos, o 13 e 15 de decembro, de 10.00 a 11.30 horas.
Para os nenos e nenas haberá un obradoiro de felicitacións de Nadal
coa ferramenta de programación Scratch. Realizarase os días 16 e 27
de decembro para nenos e nenas de 7 a 12 aos e os días 28 e 29 de
decembro para rapaces e rapazas que teñen de 13 anos en diante. Esta
actividade levarase a cabo, en ambos casos, en horario de 11.00 a
12.30 horas. Para os cursos de decembro tamén se ofertan 12 prazas.
Actividades en liña
Por
outra banda, vanse impartir tres actividades en liña. A primeira
realizarase do 17 de outubro ao 2 de novembro e tratará sobre o
correo electrónico. Está destinada a persoas maiores de 18 anos.
Impartirase os luns e mércores de 16.30 a 18.00 horas. Ademais, do 7
ao 30 de novembro vaise poñer a disposición da veciñanza un curso
en liña denominado Traballando na nube: sácalle partido ao
Google Drive. Tamén está dirixido a persoas maiores de 18
anos. Impartirase os luns e mércores de 16.30 a 18.00 horas.
Por último, os días 12 e 14 de decembro realizarase un curso sobre
compras seguras en liña, tamén para persoas maiores de 18 anos, en
horario de 16.30 a 18.00 horas.
Ademais, ao longo do trimestre está previsto que
se organicen actividades complementarias (charlas e outros
obradoiros) que se irán anunciando e que estarán relacionados con
temas de actualidade das Tics.
Inscricións nos obradoiros
As
inscricións poden realizarse na Aula Municipal Tecnolóxica da
Información e da Comunicación do Milladoiro, sitiada na Casa da
Cultura do Milladoiro, en horario de Aula Aberta: de luns a venres de
10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas (durante o horario de
realización dos cursos non haberá Aula Aberta) ou enviando
unha ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo
electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal. Para máis
información, pódese chamar ao número de teléfono 981 535 940, ou
escribir ao enderezo electrónico
informatica.milladoiro@concellodeames.gal.