A Aula Virtual do IES San Clemente esténdese a 10.000 fogares

luns, 6 de abril do 2020 S. P.

Seguen adiante os proxectos e iniciativas para facer realidade a plena adaptación da docencia aos novos espazos virtuais, dada a imposibilidade de seguir mantendo a actividade presencial. Esta fin de semana a Consellería de Educación, en colaboración co IES San Clemente de Santiago, puxo a disposición dis centros que imparten ensinanzas para persoas adultas a plataforma de teleformación do dito IES compostelán.
Segundo informaron, a iniciativa beneficiaría a 80 centros e a arredor de 10.000 estudantes do sistema educativo galego. Con ela, engadiuse, “búscase facilitar a aprendizaxe desde a casa a todas as persoas inscritas nestas ensinanzas durante este período”.
Aula virtual
A Aula Virtual do IES San Clemente conta cos materiais necesarios para o desenvolvemento curricular nos dous niveis educativos, ensinanzas de ESA e Bacharelato para persoas adultas. Tanto profesorado como alumnado poden acceder aos recursos didácticos das distintas materias, que inclúen documentos de texto, vídeos educativos, enquisas, exercicios para enviar ao profesorado e exercicios auto-avaliábeis. A plataforma tamén dispón de recursos de relación entre profesorado e alumnado, como o sistema de videoconferencias con escritorio compartido.
Para facilitar o seu manexo, inclúense videotitoriais que explican o seu funcionamento e os seus contidos. Os centros educativos que desexen empregar este recurso poden solicitalo a través dun correo electrónico dirixido ao IES San Clemente.

PUBLICIDADE