A Aula de Vigo acollerá dous cursos de verán da UNED sobre a muller na arte, a cultura e as redes sociais

mércores, 7 de xuño do 2023 S. P.

Será do 3 ao 5 de xullo cando teñan lugar unha nova edición dos cursos de verán da UNED, que neste ano 2023 terán presenza na Aula de Vigo grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra. Desta volta serán as mulleres na produción artística e cultural dende a Idade Media á Moderna e a análise das redes sociais na ensinanza actual os eixos sobre os que xirarán os dous cursos que nesas datas acollerá a sede viguesa en formato mixto (en liña e presenciais) e para os que a matrícula xa está aberta na web da universidade.
Este martes 6 de xuño levábase a cabo a presentación destas accións formativas, nas que participaron a presidenta provincial en funcións, Carmela Silva; o alcalde en funcións de Vigo, Abel Caballero, o director do Campus Noroeste da UNED, Víctor Manuel González, a coordinadora da Aula de Vigo, María del Carmen Martínez Prieto, e Elena Paulino, directora dun dos cursos, que leva o título Mulleres: Arte e cultura na Idade Media e na Idade Moderna.
Segundo María del Carmen Martínez, “os cursos de verán forman parte do programa cultural da cidade de Vigo”, e o director do Campus Noroeste da UNED, Víctor Manuel González, que agradeceu a colaboración do Concello e da Deputación coa institución, subliñou que se tratan dos “cursos máis potentes de toda España”. Tamén fixo fincapé no feito de que os dous que se desenvolverán na cidade olívica están dirixidos por mulleres e tres cuartas partes das persoas relatoras tamén son mulleres. “Son dous cursos –incidiu- que mesturan modernidade e tradición á vez, que amosan de onde se vén no teatro e na literatura por exemplo até Tik Tok. Desde a historia da muller na arte de hai séculos ao papel da muller máis recente”. E destacou o interese que xa teñen suscitado, xa que hai persoas matriculadas de México, Francia e moitos outros lugares de España.
O curso Mulleres: Arte e Cultura na Idade Media e a Idade Moderna ten ao fronte a Elena Paulino Montero e está coordinado por Rafael Cotelo Pazos. Nos seus relatorios abordarase o papel das mulleres como protagonistas da produción artística e cultural desde o século XV ata a modernidade, con especial fincapé no mundo hispánico. Elena Paulino Montero explicou que no curso “falarase da construción da imaxe do poder feminino para reivindicar o seu papel e sobre a relación das mulleres co espazo, tanto público como doméstico. Daranse a coñecer casos de estudo para analizar as posibilidades que tiveron as mulleres de actuar en distintas contornas históricas –engadiu-. Hai mulleres capaces de exercer o poder, outras que non dispoñen desas ferramentas, outras que loitan contra o entorno social e político... E a idea é amosar toda a variedade de accións das mulleres históricas e como utilizaron a cultura e a arte para poder representarse”. Entre as persoas relatoras figuran Judith Farré, doutora en Filoloxía Hispánica e científica do CSIC; a catedrática da Universidade de Granada María Elena Díez ou a profesora da Universidade de Murcia Noelia García.
O outro seminario que se desenvolverá na Aula viguesa leva por título Redes sociais, tecnoloxías e metodoloxías emerxentes na ensinanza e aprendizaxe de linguas, está dirixido por María Angélica Giordano e coordinado por María Gracia Moreno. Conta con sete conferencias e unha mesa redonda e abordará como as redes sociais están a cambiar o xeito de enfrontar a aprendizaxe, onde a información é máis aberta, flexíbel e dispoñíbel a través da interacción e a cooperación. Serán obxecto de discusión e análise a eficacia do informal learning, do social learning, do micro learning e do mobile learning, dando espazo tamén ás últimas tendencias como a realidade virtual ou o metaverso. Entre as persoas relatoras figuran a profesora da Universidade Roma Tres Luisa Messina ou os catedráticos Nicolás Romera (da UNED) e Antonio García (da Universidade de Alcalá).