A Autoridade Portuaria de Melilla potencia o seu xestor documental da man de Altia
venres, 2 de decembro do 2022
A
Autoridade
Portuaria de Melilla confiou na empresa galega Altia para levar
cabo un proxecto avanzado de optimización e mellora do xestor
documental para dotar este sistema dun maior rendemento, corrección
de erros e novas características e funcionalidades. A iniciativa,
que supón un investimento de máis de 199.000 euros, “permitirá
unha gran redución nos tempos de resposta á hora de deseñar ou
modificar calquera procedemento levado a cabo pola plataforma
tecnolóxica”, sinalaron fontes de Altia.
A
empresa engadiu que a Autoridade Portuaria de Melilla realiza acotío
distintos tipos de operacións, como embarque, desembarque e
transferencia de cargo, ou almacenamento e depósito de mercadorías
en terra e estiba, entre outros labores, “que supoñen a creación
e proceso de miles de documentos cada ano”. Coa finalidade de
optimizar a súa xestión, a finais de 2021 a entidade decidiu
licitar un proxecto para facer evolucionar o funcionamento do seu
xestor documental, responsábel da captura, almacenamento e
recuperación de documentos. Tras avaliar as distintas propostas
recibidas, o organismo confiou na tecnolóxica Altia, con sede en
Oleiros (A Coruña), o proxecto para dotar ao sistema dunha mellora
relevante na axilidade, rendemento, eficiencia e optimización dos
diálogos de usuario, así como mellores tempos e sinerxías para o
mantemento evolutivo do xestor de expedientes.
O
xestor baséase na tecnoloxía Alfresco, incluíndo unha migración
completa do mesmo, xa que o sistema actual funciona coa versión 3.2
e o obxectivo é pasalo á que funcione consolidada no momento da
implantación.
Dentro
do proxecto Altia salienta o cambio do motor de fluxos, “que vai
permitir a diminución de boa parte do código existente na
actualidade”. Ademais, as prestacións do novo motor permiten “que
todo o fluxo dos procedementos sexa xestionado mediante utilidades do
propio motor, evitando así todo o código fonte ata o de agora
utilizado para dar cobertura a esas prestacións”. Esta mellora,
explica a empresa, “pode supor un antes e un despois no xestor
documental, xa que grazas á implantación do novo motor de fluxos
vanse reducir de xeito considerábel os tempos de resposta á hora de
deseñar e/ou modificar calquera procedemento na plataforma”.