Carlos Vázquez Cendón (CITIC) lidera un proxecto hipano-alemán para innovar nos mercados de emisións

xoves, 3 de abril do 2025 S. P.

Os profesores Long Teng, Thomas Kruse, Carlos Vázquez e Matthias Ehrhardt, en Wuppertal.

Froito da colaboración da Axencia Estatal de Investigación (AEI) española e a Deutshe Forschungsgemeinschaft (DFG), a súa homóloga alemá botaba a andar o pasado mes de marzo o proxecto APMANA-EAREC (Advanced Pricing Models and Numerical Approaches for EmissionAllowances and Renewable Energy Certificates), unha iniciativa innovadora para modelizar mercados enerxéticos.
Indo á iniciativa, dicir que se centra no deseño e resolución numérica de novos modelos de valoración para os certificados de emisións de CO2 e de enerxías renovábeis, un tema de vital importancia no actual contexto de transición enerxética e loita contra o cambio climático.
Neste primeiro encontro en Wuppertal (Alemaña), no que participou o investigador do CITIC e catedrático de Matemática Aplicada da UDC, Carlos Vázquez Cendón (líder do proxecto), concretáronse os plans para as liñas de traballo que desenvolverán ambos equipos. O equipo do CITIC da UDC centrarase no deseño de modelos de valoración dos certificados de enerxía renovábel, que as empresas reciben pola xeración de electricidade a partir de renovábeis e que, posteriormente, se negocian nos mercados ou mediante produtos derivados. Estes produtos son de gran complexidade, polo que a investigación aplicará ecuacións diferenciais avanzadas e desenvolverá novos métodos numéricos para mellorar a análise e predición nos mercados de enerxía.
Sinalar que o equipo da Universidade da Coruña está formado por: Íñigo Arregui, Carmen Calvo, María de los Ángeles Baamonde, José Germán López e Pablo Pérez. No caso da Universidade de Wuppertal, participan os investigadores: Matthias Ehrhardt, Thomas Kruse e Long Teng, entre outros.
En resumo, APMANA-EAREC pretende achegar solucións innovadoras para a xestión eficiente dos mercados de emisións e enerxías renovábeis, contribuíndo a unha mellor comprensión da súa dinámica e facendo máis doada a toma de decisións no camiño cara a un futuro enerxético sustentábel.