A Axencia Galega de Innovación dirixirá 12 millóns de euros para a innovación na PEME

martes, 5 de marzo do 2013 Redacción

Esta mañá Alberto Núñez Feijoo presidiu o acto de presentación da Axencia Galega de Innovación, que canalizará 12 millóns de euros durante o presente ano cara a pequenas e medianas empresas para o desenvolvemento de programas de innovación público-privados, unha liña de axudas que permitirá mobilizar ata un total de 24 millóns de euros e a confirmación de que a Xunta continúa a apoiar a innovación como indica que os novos orzamentos autonómicos destinen 148 millóns a esta materia.
O presidente do Goberno galego asegurou que a innovación é unha das súas prioridades nesta lexislatura, considerando que a Axencia presentada hoxe “pode ser unha excelente guía para conseguir este éxito colectivo” que xunte a universidades, centros tecnolóxicos e emprendedores cun obxectivo común. Feijoo quixo lanzar unha invitación a “cooperar para innovar, e innovar para medrar”.
A Axencia busca concentrar esforzos, evitando que as iniciativas de innovación estean desligadas, de aí que na nova entidade integre ao Observatorio da Innovación en Galicia, ao Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Innovación e á Plataforma da Innovación Galega.
Coa vista posta en 2014, o presidente do Goberno galego adiantou que a Xunta traballa xa noutra iniciativa: a Estratexia de Especialización Intelixente, requirida pola UE para seguir tendo acceso a fondos estruturais no período 2014-2020, que contarán “con 2.000 millóns de euros, dos que 1.200 millóns irán especificamente destinados á innovación, ás PEME e á eficiencia enerxética, contribuíndo así a aposta que nestes ámbitos estamos a realizar a través de organismos como o IGAPE ou o Inega”.
Pola súa banda o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, insistiu en que “a Axencia Galega de Innovación nace co obxectivo de focalizar e planificar a innovación en torno aos sectores nos que Galicia poida conseguir un maior retorno en termos de crecemento e riqueza”.

PUBLICIDADE