A Axenda Dixital 2020 acelerou o uso da Internet e da e-Administración en Galicia

martes, 20 de xullo do 2021 Redacción

Ao redor de 1.600 millóns de euros foron investidos no período 2015-2020 nas actuacións que desenvolven as liñas estratéxicas da Axenda Dixital de Galicia 2020, dos que máis de 540 corresponden á mobilización de capital privado, segundo se puxo de manifesto hoxe durante a celebración do pleno anual do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga) .
A sesión tivo lugar esta mañá en Santiago, presidido pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, que deu conta das medidas desenvolvidas durante os seis anos de desenvolvemento da Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020), impulsada desde este departamento autonómico. Ademais, informou do Plan de Traballo do Osimga o vindeiro ano e fixo balance da situación da Sociedade da Información en Galicia, baseado nos últimos datos do Observatorio.
A Axenda Dixital Galicia 2020 logrou os seus obxectivos dunha maior dixitalización da sociedade, un maior impacto socio económico e a creación de oportunidades. Neste sentido, en todo o período 2015-2020 a interacción das persoas de Galicia coa Administración por medios electrónicos foi superior á media de España e da Unión Europea. As xestións en liña representan xa o 78 % das interaccións coas administracións en Galicia.
Rexistrouse tamén un incremento significativo no uso das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), sobre todo nos grupos de maior idade. A evolución das persoas que declara ter usado internet nos últimos 3 meses foi tamén superior á media estatal e europea. O 84 por cento das persoas de Galicia usa habitualmente internet e o obxectivo fixado polo Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 logrouse con dous anos de adianto.
Ao mesmo tempo, o uso das TIC por parte das empresas galegas converxeu coa media estatal e mellorouse o acceso da poboación galega a redes ultrarrápidas de telecomunicacións. Un 99,94% da poboación ten acceso a cobertura 4G e un 72,2% da poboación conta con acceso a redes de máis de 100 Mbps.
En canto ao impacto socioeconómico, a Axenda Dixital de Galicia 2020 logrou un aforro estimado de 37 millóns de euros na Rede dixital de emerxencias de Galicia. Tamén rexistráronse aforros significativos nos custos de mantemento e adquisición de sistemas e infraestruturas e na xestión de bases de datos e servidores de aplicacións. A tasa de emprego no sector TIC con respecto ao total de persoas ocupadas en Galicia non parou de medrar dende 2010, ata acadar o 1,9% en 2020.
O sector tecnolóxico galego xoga un importante papel na implantación e desenvolvemento destas accións, como referente de múltiples avances en novas tecnoloxías dixitais. En Galicia o número de empresas do Hipersector TIC ascende a 3.830, que deron emprego no ano 2020 a máis de 24.300 persoas, o que representa un crecemento do 17,4% nos período 2015-2020 e confirman ao Hipersector TIC como un dos sectores económicos máis resilientes e tractor dos restantes sectores produtivos.

Posta en marcha da nova Estratexia Dixital de Galicia 2030

A directora da AMTEGA deu conta dos avances na aplicación da Estratexia Dixital de Galicia 2030 (EDG2030), que toma o relevo da Axenda Dixital e determina un punto de inflexión no futuro dixital da nosa comunidade. A nova Estratexia, presentada no Pleno de 2019, conta con 7 eixes estratéxicos que dan resposta aos novos retos globais e un eixe transversal co que se promoverá a especialización tecnolóxica en Galicia.
No Pleno do Osimga tamén se presentaron as principais novidades do Plan de Traballo do Observatorio, onde se destacan os novos informes e liñas de traballo para contribuír a cumprir coas liñas estratéxicas da Estratexia Galicia Dixital 2030.
O primeiro informe tratará sobre o grao de Competencias Dixitais da cidadanía galega. Este informe ten como obxectivo coñecer a situación de partida e determinar as habilidades dixitais da cidadanía galega, analizándoas segundo os distintos perfís socio-demográficos.
Os segundo informe novidoso para a próxima anualidade é Rapaciñ@s dixitais. Este estudo avaliará o grao de acceso aos recursos dixitais e o uso das tecnoloxías por parte das nenas e nenos galegos de 5 a 15 anos.
Ademais, no vindeiro ano realizarase unha análise específica das tecnoloxías disruptivas do sector TIC de Galicia.. O seu obxectivo é identificar o grao de adopción nas empresas TIC da intelixencia artificial, aprendizaxe automática a través de big data, robots de servicio, chatbot… e tamén coñecer a incorporación de perfís especializados nestes campos.

PUBLICIDADE