A Ayaneo Kun quere competir coa Steam Deck ofrecendo moita máis autonomía

mércores, 30 de agosto do 2023 Marcus Fernández

A mediados de outubro vai comezar a enviarse aos compradores a nova consola portátil baseada nun ordenador persoal, a Ayaneo Kun, que pretende facer fronte á popular Steam Deck de Valve, á que supera sobradamente en prestacións e autonomía, aínda que para conseguir tal chega cun prezo bastante elevado.
A Ayaneo Kun funcionará cun potente procesador AMD Ryzen 7 7840U (capaz de correr sen problema xogos de primeira fila), incorpora unha pantalla IPS de 8,4 polgadas cunha resolución de 1.600p, a súa batería de 75 Wh promete unha autonomía moi superior a outras consolas semellantes (a Steam Deck ten unha batería de 40 Wh), e tamén incorpora numerosos sistemas de control: 2 paneis táctiles, 4 botóns traseiros, unha cruceta dixital de 8 direccións, mandos analóxicos a ambos lados da pantalla, e gatillos, de xeito que pode adaptarse practicamente a calquera tipo de xogo. Como curiosidade, é posible adquirir un módulo que engade conectividade 4G ao dispositivo, deixando claro que a súa vocación é a mobilidade.
Os pedidos iniciais desta máquina van canalizarse a través de Indiegogo, cun prezo que parte dos 999 dólares para o modelo con 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento, chegando até os 1.699 dólares para o modelo con 64 GB de RAM e 4 TB de almacenamento.

A nova Ayaneo refina a súa ergonomía e aposta por unha grande autonomía