A Biblioteca Ánxel Casal de Santiago achega sete cursos de balde sobre informática

venres, 4 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

O exterior da Biblioteca Pública Ánxel Casal visto na web de Ovo Publicidade

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal vén de anunciar a posta en marcha, ao longo deste ano e en diferentes meses, dunha serie de cursos sobre informática. Estas actividades formativas, que son de balde, convócanse co obxecto de formar á veciñanza compostelá no uso cotián das novas tecnoloxías da información, “calquera que sexa o seu nivel de coñecemento na materia”. Os cursos terán unha natureza práctica e son un total de cinco materias a desenvolver en sete quendas.
Serían os seguintes: Internet básico (na primeira metade de xuño), Ofimática básica (a segunda metade de xuño), Internet avanzado (primeiros días de setembro), Ofimática avanzada (mediados do mes de setembro), Redes sociais (segunda metade de setembro), Internet básico edición de mañá (en outubro) e Internet avanzado edición de mañá (segunda metade de outubro).
As sesións formativas, informa a dirección da biblioteca, desenvolveranse nas salas de traballo, en grupos, do terceiro andar do inmoble emprazado na rúa Xoán XXIII. O centro porá a disposición de cada un dos participantes un computador portátil con conexión á Rede. Para participarmos nestas accións formativos teremos que formalizar a inscrición no número de teléfono 881 999 401 ou acudindo directamente aos baixos da biblioteca. O prazo para matricularnos ficará aberto do 2 o 30 de maio e nel terán preferencia socios do centro. Establécese un número máximo de cursos por persoa: dous.