A Biblioteca Ánxel Casal de Santiago forma aos usuarios en Gimp, programación e xestión dixital

luns, 21 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O exterior da Biblioteca Pública Ánxel Casal visto na web de Ovo PublicidadeA Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago ofrece no mes de xuño un ciclo de tres cursos de balde que teñen por obxectivo “a formación dos usuarios e das usuarias no eido das novas tecnoloxías”. Segundo informan os responsábeis do centro, as actividade formativas teñen en común (alén da súa temática compartida, aínda que botando luz sobre diferentes vertentes do dixital) ser actividades formativas de natureza práctica. O obxectivo? Que as/os participantes estean en disposición de aplicar todo o aprendido, punto por punto, na súa vida cotiá.
As sesións formativas desenvolveranse nas salas de traballo en grupo do terceiro andar e a biblioteca porá a disposición de cada un dos participantes un ordenador portátil con conexión a Internet vía Wi-Fi. Segundo explican os organizadores, é requirimento imprescindíbel que cada quen carrexe aos cursos un teléfono móbil para acceder á rede sen fíos local.
Os cursos son os seguintes: Iniciación ao retoque de fotografía dixital con Gimp, Programación de aplicacións para teléfonos móbiles e Xestións por internet: banca online, eAdministración, eSaúde, servizos electrónicos. Serán impartidos por Manuel Alonso Arnejo. voluntario do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia.
O período de inscrición abrirase o 22 de maio e prolongarase ata o 6 de xuño. Requírese inscrición previa na páxina web da biblioteca. No mostrador de Información da biblioteca facilitarase un tríptico informativo a todas as persoas interesadas.

PUBLICIDADE