A Biblioteca Nacional pon en formato dixital obras de sete autores galegos

venres, 3 de xaneiro do 2025 S. P.

Fiel á súa cita nestas datas, a Biblioteca Nacional de España fixo pública a relación de autores do seu catálogo cuxa obra pasa a ser de dominio público en 2025, entrando desta volta, neste estado, as obras daquelas persoas falecidas en 1944. Co novo etiquetado, estas obras poderán ser editadas, reproducidas ou difundidas publicamente.
Entre os 143 que compoñen o listado de este ano e no que hai escritores, xornalistas, artistas, músicos, científicos, historiadores, folkloristas catedráticos ou políticos, hai, segundo lembra o CCG, sete nomes de Galicia, un deles a de unha das catro mulleres que aparecen no listado estatal deste ano: Isolina Muíños Búa (Pontevedra, 1866-1944). Escritora e mestra, publicou o Atlas de Geografía General y regional para ejercicios prácticos en las Escuelas Normales, defende no Prólogo a necesidade de que o alumnado coñeza e recoñeza os mapas dos diferentes países e "con maior desexo o da súa patria", por iso a metade das ilustracións están dedicadas a Galicia, tamén colaborou co xornal en El Progreso desde 1917 e ten lazo familiares con represaliados do golpe do Estado de 1936 e da ditadura.
Entre os outros seis autores galego que inclúe o listado e que poden consultarse ademais nun mapa interactivo, hai dous músicos. O coruñés José Miguelez (1891-1944), musicólogo, lingüista, teólogo, organista e compositor; e o ourensán Juan Fernández Pérez (1870-1944), que ademais de músico era bibliotecario, pintor e escritor. Do mundo das artes o listado galego inclúe tamén ao ilustrador, debuxante, escenógrafo, muralista, publicista, gravador e pintor de A Graña (Ferrolterra) Máximo Ramos (1880- 1944). Dous poetas entran tamén este ano na lista: Amador Villar Amor (1866-1944), de Ribadavia; e Manuel da la Ventosela de O Rosal (1907-1944). Pecha esta relación galega o xornalista vigués Manuel de Castro (188-1944), coñecido como Hándicap, foi cronista, directivo e árbitro deportivo. Foi redactor do diario Sprint e do Faro de Vigo.