A Biblioteca Virtual de GaliciaDigital chega aos 200 libros acubillados

martes, 15 de setembro do 2020 Sonia Pena

A Biblioteca Virtual de GaliciaDigital vén de acadar un importante fito no seu desenvolvemento no tempo, concretamente foi quen de chegar aos 200 libros acubillados. Como lembraremos, a biblioteca en liña centra boa parte do seu traballo en publicar, compartir e mostrar libros esgotados ou inéditos, “dos que nin os seus autores nin nós tiñamos intereses comerciais”, sinalan dende o equipo de GaliciaDigital, destacando o obxectivo de poñer estas obras a dispor “dos posíbeis interesados”, con independencia do lugar onde residan e coa opción de lelos, compartilos e imprimilos “de maneira gratuíta e inmediata”.
A biblioteca, que se enriquece aproximadamente cunha nova contribución por semana, chegou este verán, finalmente, aos 200 volumes, “de xeito que o noso catálogo, que foi medrando sen présa pero sen pausa, ten no albor do outono de 2020 unha oferta xa ampla de poesía ou prosa, de ensaio ou reportaxe, en galego ou castelán, totalmente gratuíta; para todos e para sempre”, explica o equipo de GaliciaDigital, cuxos integrantes recoñecen estar “plenamente satisfeitos polo traballo desenvolvido”, e agradecen as achegas das autoras e autores que lles autorizaron a reproducir as súas creacións, e tamén o interese de todos os internautas que cada día entran na Biblioteca Virtual de GaliciaDixital para “descubrir novas publicacións, antigas ou novísimas, que forman parte da nosa oferta á infraestrutura dixital do país”.

PUBLICIDADE