A Biblioteca da USC fortalécese co acceso en remoto a 12.000 revistas e 51.000 libros electrónicos

venres, 10 de xullo do 2020 Sonia Pena

JPEG - 88.1 KB
Accedendo aos contidos online da USC/Imaxe de Santi Alvite

A Biblioteca Universitaria da USC, seguindo o fío de liberar o coñecemento e a comunicación da meirande cantidade de atrancos, un fío fortalecido durante o confinamento, xa permite o acceso en remoto aos recursos electrónicos aos que está subscrita, tanto pola BUSC como a través dos acordos formalizados a través de Bugalicia. E faino a través da incorporación do servizo Ezproxy e poñendo os recursos electrónicos a disposición de toda a comunidade universitaria.
Segundo informa a USC, esta iniciativa permitirá, polo de agora, o acceso a 12.000 títulos de revistas, máis de 51.000 títulos de libros electrónicos e 42 bases de datos, todos eles accesíbeis a través de reBUSCa e Pórtico. A intención é seguir engadindo títulos.
“Trátase dun sistema sinxelo, transparente e áxil”, sinala Mabela Casal, directora da Biblioteca Universitaria, quen salientou as facilitades para acceder aos títulos dende calquera hora e lugar e agradeceu o esforzo desenvolvido pola Área TIC da Universidade.
O vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, destacou que “unha das leccións que aprendemos no semestre pasado é que o acceso aos recursos bibliográficos ten que estar o máis aberto posíbel, e a través do EZproxy os problemas de acceso quedan eliminados con independencia do escenario no que nos atopemos”.
Os recursos dispoñíbeis a través do EZproxy distínguense porque a súa URL comeza por "https://ezbusc" e, segundo aclaran dende a USC, non é necesario levar a cabo ningún tipo de configuración no dispositivo dende o que se accede.

PUBLICIDADE