A Biblioteca de Galicia impulsa a primeira recolleita dos sitios en liña con dominio galego

xoves, 11 de xaneiro do 2018 Redacción

A instancias dunha petición da Biblioteca de Galicia, a Biblioteca Nacional de España vén de incluír a que sería a primeira recolección do dominio galego, o .gal, que se integra deste xeito na colección web de Galicia e no seu depósito legal electrónico. Segundo informa a Consellería de Cultura e Educación (encargada da xestión dos dous ditos acubillos de coñecemento da nosa terra, a través da Biblioteca de Galicia), o rastrexo do noso dominio desenvolveuse este mes de decembro e achegou ao remate a descarga de máis de 140 GB de información.
O proceso de recollida de datos realizouse a través da captura dos sitios web rexistrados baixo .gal. A finalidade do devandito proceso foi arquivar e preservar “a maior cantidade posíbel dos contidos que conforman os recursos web deste dominio, que lle permite á cultura e á lingua galegas dispoñer dun identificador de primeiro nivel para visualizalas e para incrementar o tráfico na Rede cara aos portais galegos”.
O labor levouse a cabo sobre unha listaxe de 4.261 dominios fornecidos pola Asociación PuntoGal, entidade responsábel da xestión do dominio de noso. A Consellería sinalou que a metade deles non ten contido, a maioría por ser só dominios reservados. Da outra metade, un 26% recolleuse na súa totalidade, mentres que o resto alcanzou o límite de tamaño de 150 MB por dominio, o mesmo que se estableceu para a última recolección masiva do dominio .es.
A preservación dos contidos dos sitios web que alcanzaron o límite de 150 MB complementarase con recoleccións selectivas xestionadas pola Biblioteca de Galicia, tamén en colaboración coa BNE.


PUBLICIDADE