A Biblioteca de Galicia reivindica o videoxogo galego como patrimonio audiovisual da man do MUVI
venres, 17 de outubro do 2025
O videoxogo galego dá un novo paso decisivo cara á súa institucionalización como parte do patrimonio audiovisual galego. No marco dun convenio coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a Biblioteca de Galicia colabora coa Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) nun proxecto de longo percorrido que ten como obxectivo garantir a preservación, catalogación e divulgación das creacións desta industria cultural e creativa.
A Biblioteca de Galicia asume un papel central neste proceso en virtude da súa experiencia e capacidade técnica en materia de conservación e descrición documental, cunha implicación que “garantirá un enfoque sustentado en metodoloxía bibliotecaria, control de estándares e continuidade institucional”, explicaron dende a Consellería de Cultura.
A primeira liña de traballo céntrase na catalogación e actualización do coñecemento sobre o sector do videoxogo galego. O proxecto busca reunir e sistematizar información sobre axentes, empresas e obras do sector, para dispoñer dun panorama actualizado da súa actividade creativa e produtiva. A Biblioteca de Galicia aplicará o seu coñecemento en documentación e control bibliográfico para garantir descricións completas e normalizadas, que faciliten a incorporación dos videoxogos ao seu catálogo e ao da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Pola súa banda, a Fundación MUVI servirá de referencia técnica neste proceso, contribuíndo á creación dunha base de datos sólida e continuada de información, con atención á interoperabilidade e á preservación documental.
A segunda liña de traballo estará dedicada á preservación. Abordarase a conservación interactiva do videoxogo galego — tanto físico como dixital — aplicando os protocolos e criterios técnicos do MUVI, un museo integrado no Sistema Galego de Centros Museísticos. O obxectivo é “garantir a estabilidade e continuidade duns fondos que, pola súa natureza tecnolóxica, requiren métodos específicos de preservación a longo prazo, nun marco institucional capaz de asegurar a súa permanencia e acceso futuros”, explicaron dende a fundación, engadindo que “o videoxogo galego vai moito máis alá daqueles videoxogos feitos en Galicia: as manifestacións culturais relacionadas co noso país e contidas dentro de calquera videoxogo deben preservarse e divulgarse con todo o recoñecemento que merecen”.
Apunta Jacobo Martínez, director do MUVI que “é imprescindible consolidar tódolos mecanismos que permitan a conservación, o estudo e a experiencia interactiva. Non se pode entender a preservación sen a interactividade. É fundamental interiorizar que este medio é interactivo, e que para preservalo debe ser xogable. E por outra banda, cómpre multiplicar esforzos para que o contexto e a información sobre as creacións estea debidamente documentado”.
Outra das liñas de traballo centrarase na divulgación do depósito legal aplicado ao videoxogo galego. O proxecto prevé accións de sensibilización e diálogo coa industria, orientadas a dar a coñecer o procedemento, a súa relevancia e o papel dos centros conservadores na preservación das obras. Estas iniciativas, artelladas pola Biblioteca de Galicia coa mediación do MUVi, incluirán encontros profesionais e sesións divulgativas, co propósito de reforzar a conciencia colectiva sobre a responsabilidade compartida na conservación do patrimonio, e de reforzar a relación entre os + creadores e os centros de preservación para garantir a súa conservación e acceso futuros.
O Museo do Videoxogo concibe este proxecto como “un proceso aberto, participativo e integrador, orientado a facer partícipes a tódalas persoas, entidades e colectivos que contribúen á construción do videoxogo galego”. O obxectivo, sinalan, “é que ninguén quede fóra das definicións, criterios e decisións que marquen o rumbo da preservación e da catalogación deste patrimonio, garantindo que todo o proceso se desenvolva en base a obxectivos e criterios bibliográficos e museísticos”.
Seguindo esta liña, promoveranse espazos de encontro e cooperación nos que participen profesionais do sector, creadores/as e desenvolvedores/as, representantes do ámbito cultural e audiovisual, así como docentes e investigadores das universidades galegas, co fin de artellar unha visión plural e compartida do videoxogo como fenómeno cultural, educativo e tecnolóxico.
“O videoxogo galego só pode consolidarse como patrimonio cultural se se constrúe entre todos, dende o diálogo e o respecto ao traballo colectivo”, subliña Galo Martínez, presidente da Fundación Museo do Videoxogo, engadindo que “o MUVI é un museo do Sistema Galego de Centros Museísticos e está xestionado por unha Fundación de Interese Cultural Galego. Pertence á sociedade, e iso dálle o deber e tamén a liberdade de actuar non só ao servizo do ben común, senón en base á rigorosidade e ás garantías da metodoloxía museística. Este proxecto nace co propósito de garantir unha preservación profesional, transparente e con responsabilidade cultural, integrando a aquelas persoas ou entidades que compartan esta visión”.
Primeira aparición pública no Culturgal
A colaboración entre a Biblioteca de Galicia e o Museo do Videoxogo vivirá a súa primeira aparición pública conxunta no Culturgal 2026, a Feira das Industrias Culturais Galegas, que se celebrará en Pontevedra os dias 28, 29 2 30 de novembro e que reúne cada ano aos principais axentes do sector cultural do país.
Indican dende as dúas entidades que “este escenario converterase nun punto de encontro para o diálogo entre institucións, profesionais e creadoras, no que representantes da Biblioteca de Galicia e do MUVI compartirán espazo e programación nunha proposta que combinará mesas de conversa e accións divulgativas arredor do proxecto de preservación e catalogación do videoxogo galego”.
O Culturgal, engaden, “será un contexto idóneo para presentar o traballo conxunto e para reflexionar sobre os retos da conservación e do depósito das obras nacidas en dixital, abrindo canles directas de comunicación coas persoas creadoras e co público, un espazo para reforzar o papel do videoxogo como parte viva e activa da cultura galega contemporánea”.
