A Business Factory Food selecciona 16 proxectos innovadores para a súa VIII edición

martes, 7 de xullo do 2026 S. P.

A iniciativa Business Factory Food (BFFood), a aceleradora especializada do sector agroalimentario promovida pola Xunta de Galicia e impulsada polo Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), xa ten definidos os proxectos que formarán parte das fases de aceleración e consolidación da súa VIII edición.
Trala celebración do PitchDay, o pasado 2 de xullo no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia, o comité de selección escolleu 10 startups para incorporarse ao programa de aceleración e 6 proxectos para o programa de consolidación, entre as 21 iniciativas que presentaron as súas solucións innovadoras para responder aos principais retos da industria alimentaria.
A xornada foi inaugurada por Roberto C. Alonso Ferro, director de CLUSAGA, quen puxo en valor o nivel das candidaturas presentadas; acompañado por Patricia López Quintiá, subdirectora de Innovación Empresarial do IGAPE, quen destacou a traxectoria da Business Factory Food, que xa impulsou 87 proxectos emprendedores, moitos deles convertidos hoxe en empresas que xeran emprego, innovación e valor engadido en Galicia.
As novas firmas innovadoras seleccionadas para a fase de aceleración desenvolverán solución orientadas á dixitalización, sustentabilidade, novos produtos, automatización, rastrexabilidade e innovación de procesos no sector agroalimentario.
Os proxectos seleccionados son:
-BIOSentinel (España): sistema de monitoraxe en tempo real da carga bacteriana en granxas mediante biosensores ópticos e intelixencia artificial para previr patóxenos.
-Fluenzia (Galicia): plataforma modular de automatización intelixente para facilitar a robotización das pemes da industria alimentaria.
-Ostras (Galicia): plataforma de crowdsourcing para rescatar alimentos próximos a caducar mediante unha aplicación móbil con intelixencia artificial.
-Kresko RNAtech (Arxentina): desenvolvemento de ingredientes funcionais baseados en ARN bioactivo para a próxima xeración de alimentos funcionais.
-Agrosintex (Arxentina): aditivo alimenticio para gando bovino que reduce emisións de metano nun 95%.
-TutorIA – Galifritas (Galicia): centro de emprego tecnolóxico inclusivo con IA para produción de snacks.
-BioRefQui (Chile): sistema de extracción para recuperar compostos de alto valor de residuos agroindustriais.
-Hermia – Infood Protein (Chile): biorrefinería circular que transforma residuos agroindustriais usando insectos.
-Thales (Turquía): tecnoloxía de atomización patentada para a hixienización sostible da industria láctea que reduce o consumo de auga nun 90%.
-Chocolates by Peruxiñas (Galicia): liña de chocolate Bean to Bar sen aditivos químicos.
Ademais, quedaron na listaxe de reserva os proxectos: Neurociencia Luyef (Chile), Galaxy Pack SAS (Colombia) e NanoBioFood (Colombia).
Na fase de consolidación incorporaranse seis empresas cun maior grao de madurez empresarial, que recibirán apoio para acelerar o seu crecemento e expansión comercial.
Os proxectos seleccionados son:
-ComexSoft: plataforma SaaS de intelixencia de mercado que transforma datos do sector alimentario en información estratéxica para mellorar a innovación, os prezos e a comercialización.
-Diversa Natural Functional Platform: plataforma tecnolóxica que desenvolve nanosistemas lipídicos para mellorar a estabilidade e aplicación de ingredientes naturais en alimentación funcional e nutracéutica.
-Gloop: desenvolve cubertos comestibles sustentables como alternativa aos plásticos dun só uso na canle HORECA (Hoteis, Restaurantes e Cafeterías), reducindo residuos e fomentando a economía circular.
-Fuxe Fuxe: xeles de nutrición deportiva elaborados con ingredientes naturais e superalimentos, cunha proposta baseada en rendemento e unha identidade galega e orientados a deportistas.
-Aguas Lérez: marca galega de auga mineral con gas orientada á restauración premium que destaca pola súa baixa mineralización e enfoque sostible.
AWÁ Nutrition: desenvolve suplementos de nutrición deportiva e funcional de orixe vexetal a partir de ingredientes da biodiversidade andina e amazónica.
Segundo CLUSAGA, a VIII edición da Business Factory Food “confirma a crecente proxección internacional do programa”. Entre os proxectos seleccionados figuran startups procedentes de España, Arxentina, Chile, Turquía e Ecuador, favorecendo a transferencia de coñecemento e a conexión co ecosistema agroalimentario galego.
Os equipos traballarán da man dun amplo ecosistema de innovación integrado por empresas tractoras, con mentores pertencentes a CLUN, CONGALSA, El Nogal, Casa Grande de Xanceda, Vegalsa, Hijos de Rivera, Valora Marine Ingredients, Bodegas Casa Montepío e Nueva Pescanova.