A CEL, Estudos Rafer e o Goberno presentan o programa de dixitalización empresarial DiGalicia

martes, 27 de xuño do 2023 S. P.

Este martes 27 de xuño celebrouse en Lugo a presentación do programa DiGalicia, que impulsan a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Estudos Rafer, co apoio do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través do Plan de Recuperación. Trátase dunha iniciativa coa que se ofrece a empresarios, traballadores e despedidos formación gratuíta e axudas económicas para dixitalizar os seus negocios.
Na cita participaron a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o secretario da CEL, Jaime López, e o xerente de Estudos Rafer, Ramón Martínez. Acudiron representantes dunha trintena de empresas da contorna.
Rodríguez dixo que “o avance da tecnoloxía é imparábel, polo que desde o sector público e privado debemos traballar da man para que as nosas empresas aproveiten as oportunidades dixitais, mellorando a súa competitividade e eficiencia, e potenciando a creación de emprego de calidade”.
Neste sentido, Isabel Rodríguez animou aos empresarios, traballadores e desempregados lucenses a que se beneficien desta iniciativa para implantar ferramentas tecnolóxicas que “axuden a poñer ben os piares das súas empresas e negocios, para poder crecer e transformalos en todos os seus ámbitos de forma que todos os departamentos poidan sacar partido desa dixitalización”.
E concluíu: “Espero que o DiGalicia sexa un verdadeiro revulsivo e sirva para consolidar a competitividade do tecido produtivo lucense, con capacidade de crecer e de facelo de maneira sostible e resiliente”.
O secretario da CEL destacou na súa intervención a vantaxe que supón para a provincia que unha empresa lucense lograse financiamento europeo para executar un programa destas características, e subliñou que é “unha oportunidade única para que as pemes de Galicia non perdan a senda da transformación dixital, un proceso imprescindíbel por canto permite automatizar tarefas e procesos, optimizar as operacións e mellorar a eficiencia na xestión de recursos e activos”.
Pola súa banda, Ramón Martínez detallou que a través de DiGalicia formarase a un total de 650 directivos e a 188 “axentes do cambio” ou dixitalización en empresas de entre 10 e 250 traballadores de toda Galicia. Informou de que o prazo de inscrición xa está aberto e que as prazas cubriranse por rigorosa orde de reserva, que pode formalizarse xa a través da web digalicia.es. Lembrou así mesmo a posibilidade de acceder a axudas de ata 20.000 euros para a contratación dos axentes de dixitalización formados.
Dúas fases
DiGalicia divídese en dúas fases, a primeira que deu inicio este martes e está dirixida sobre todo aos directivos e responsábeis de departamento de pemes; e a segundo, orientada a desempregados e traballadores que busquen formarse como expertos en dixitalización, os denominados “axentes do cambio”. O programa inclúe sesións virtuais, talleres personalizados nas empresas e material telemática, xunto a apoio e asesoramento para aplicar todos os coñecementos aprendidos sobre a dixitalización nos negocios.

PUBLICIDADE