A CEL compartiu nunha xornada todo o que debemos saber sobre o software Verifactu
xoves, 27 de novembro do 2025
Máis de cincuenta persoas achegáronse este 27 de novembro á sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) para participar nunha sesión divulgativa sobre as novidades normativas en materia de Sistemas Informáticos de Facturación e sistema Verifactu. A cita veu da man da organización empresarial lucense coa delegación da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) en Lugo.
Jaime López, secretario xeral da CEL, e Olimpia López, subdelegada do Gobierno en Lugo, abriron un encontro que buscaba aclarar dúbidas sobre a ferramenta Verifactu e informar sobre as novas posibilidades de subministro de información transaccional para pemes e persoas autónomas.
López lembrou que “a partir do 1 de xaneiro de 2026 Verifactu é xa obrigatorio para as empresas (persoas xurídicas) suxeitas ao imposto de sociedades e, a partir do 1 de xullo de 2026, para os autónomos (persoas físicas), polo que resultan especialmente necesarias este tipo de sesións informativas e divulgativas”.
“Aínda existe moito descoñecemento e lóxica preocupación ante os cambios que introduce o novo sistema e o seu impacto no día a día da xestión das empresas”, subliñou.
A xornada contou coas achegas técnicas de María Elena Rosendo Vázquez, delegada da AEAT en Lugo e Iván Gil Vázquez, técnico de Facenda da Delegación AEAT Lugo.
Durante a apertura, a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez, destacou a importancia destes procesos de modernización para “reforzar a transparencia, facilitar o cumprimento tributario e acompañar ao tecido empresarial da provincia neste cambio de modelo”.
