A CEL e a Deputación de Lugo axudan ás empresas a protexerse dos riscos dixitais
mércores, 25 de xuño do 2025
Este mércores 25 de xuño inaugurouse a xornada informativa Ciberseguridade. O reto de protexer a túa empresa, sesión organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo co apoio da Deputación que axuda ás empresas lucenses a entender os riscos aos que se enfrontan na Rede así como a protexerse e xestionalos da forma máis eficiente.
A inauguración contou coa presenza do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, do secretario xeral da CEL, Jaime López, do comisario xefe da Comisaría Provincial da Policía Nacional, Luís Miguel Romero e máis da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.
Organizou a cita a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) co apoio da institución provincial na súa sede da Praza de Santo Domingo.
“As tecnoloxías da información cambiaron profundamente a forma en que xestionamos os nosos negocios, relacionámonos cos nosos clientes e colaboramos con outros profesionais. Esta evolución trouxo sen dúbida enormes vantaxes, pero tamén abriu a porta a novas ameazas e novos riscos. A ciberdelincuencia xa non é unha ameaza afastada: é un problema real, presente, e que afecta cada vez máis a pequenas e medianas empresas”, argumentou o deputado, que enmarcou a colaboración da Deputación coa xornada no compromiso do Goberno provincial coa ciberseguridade.
Pola súa banda, Isabel Rodríguez quixo agradecer á CEL e á Deputación a organización deste encontro, “que busca formar e concienciar ao tecido empresarial sobre un dos principais desafíos do noso tempo”. A subdelegada destacou que Lugo é unha das provincias e das cidades máis seguras de España, cun descenso das infraccións penais do 5,44% no último ano. Tamén salientou a redución dalgúns delitos graves, como os que atentan á liberdade sexual (-22,86%), os roubos con violencia (-48,08%) e os roubos con forza (-21,98%). “Estes datos son posibles grazas ao labor incansable da Policía Nacional, cuxo traballo merece o noso recoñecemento e gratitude”, subliñou.
Con todo, Rodríguez alertou de que “vivimos nun contexto de transformación dixital que trae consigo novas ameazas, como a ciberdelincuencia”. En particular, referiuse ao forte incremento das estafas con tarxetas de crédito e débito, que creceron un 68,1% no último ano, pasando de 279 a 469 casos rexistrados. A subdelegada explicou que a loita contra estes delitos é unha prioridade para o Goberno, exemplificando na Unidade de Delincuencia Económica e Tecnolóxica, que participou tamén na xornada formativa, a aposta por reforzar os recursos e a formación. “A ciberseguridade xa non é só un reto técnico: é un reto estratéxico que afecta á viabilidade das empresas e á confianza da cidadanía”, afirmou.
