A CEL formará en dixitalización e sustentabilidade a 1.260 persoas co apoio do Goberno

venres, 28 de febreiro do 2025 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o presidente da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, presentaron esta mañá un novo programa formativo dirixido a traballadores e traballadoras da provincia. Esta iniciativa, financiada con máis de 700.000 euros polo Goberno de España a través do Plan de Recuperación, beneficiará a máis de 1.260 alumnos en centros de traballo de Lugo, que contarán con formación avanzada da CEL.
O obxectivo deste programa é mellorar a cualificación e recualificación da poboación activa en sectores estratéxicos, poñendo especial énfase na transformación dixital e a transición ecolóxica. A subdelegada destacou que este investimento “responde á necesidade de fortalecer as competencias dixitais, optimizar a loxística con criterios de sustentabilidade e fomentar o aforro enerxético nos procesos produtivos”.
Engadiu que con iniciativas como esta, o Goberno “reafirma o seu compromiso coas persoas traballadoras e o tecido empresarial de Lugo”. Ademais, eloxiou o papel da CEL na xestión destes fondos, destacando a súa responsabilidade e rigor na promoción da formación e o emprego na provincia.
Pola súa banda, o secretario xeral da CEL, Jaime López, lembrou que “a posibilidade de ofrecer formación nova que permita ás empresas da provincia de Lugo adaptarse aos novos retos que se presentan ao tecido produtivo en materia de dixitalización e sustentabilidade atópase entre as prioridades da Confederación de Empresarios” e coincidiu en resaltar coa subdelegada do Gobierno que resulta crucial que os traballadores da provincia saiban “integrar ferramentas tecnolóxicas e procedementais que axuden a asentar os piares das empresas lucenses, pois a transformación dixital e enerxética é fundamental na actualidade”.
A nova programación formativa que a CEL impartirá co apoio do Gobierno de España conta con máis de 1.260 prazas e está dirixida ao persoal de empresas con centros de traballo situados en Lugo e provincia.
Os cursos, de 60 horas de duración, impartiranse integramente na modalidade de teleformación a través da plataforma formate.es. Iniciaranse en grupos de ao redor de vinte persoas de forma practicamente semanal, a medida que se vaian cubrindo as prazas de cada grupo.
En total, prevense tres áreas formativas: Competencias dixitais eficaces na contorna laboral, unidade de competencia vencellada a UC2490_2: Aplicar tecnoloxías habilitadoras dixitais para a xestión de dispositivos e datos na contorna profesional; Organización loxística eficaz e sostíbel, unidade de competencia vencellada a UC1005_3: Colaborar na optimización da cadea loxística cos criterios establecidos pola organización; e Aforro enerxético e sustentabilidade en procesos de produción, unidade de competencia vinculada UC1971_3: Xestionar a documentación normativa relativa ao Sistema de Xestión Ambiental da organización (SGA).