A CEMMA pon en marcha recursos dixitais para o estudo (e conservación) da toniña

venres, 22 de setembro do 2023 S. P.

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) puxo en marcha o proxecto ambiental Phocoe-nando, unha rede cidadá para a protección e conservación dunha poboación ameazada e singular: a toniña afroibérica en Galicia, grazas ao apoio de CaixaBank. O proxecto foi seleccionado na Convocatoria de Medio Ambiente promovida pola entidade financeira.
Segundo lembra a coordinadora galega, a toniña, Phocoena phocoena, é “a especie de cetáceo máis singular que habita na costa da Península Ibérica, por considerarse unha subpoboación illada das toniñas do hemisferio norte, habita as augas desde o Cantábrico ata o estreito de Xibraltar, aínda que o groso da súa poboación céntrase na costa galego-portuguesa”. Porén, engade a CEMMA, “as ameazas que sofre constantemente obrigaron á súa declaración como especie ameazada na lexislación española”.
O deseño do proxecto Phocoe-nando pretende contribuír á protección e conservación da toniña mediante a participación social, a información sobre a especie e as súas ameazas mediante a difusión, sensibilización, sensibilización, educación ambiental e formación para o desenvolvemento de actitudes e habilidades que provocan impacto social e xerar un ambiente de respecto e admiración, incidindo positivamente na súa conservación.
Dentro do proxecto programáronse cinco campañas de transporte marítimo que se realizarán a bordo do barco Chasula, fronte á ría de Arousa. De feito, a toniña frecuenta as augas de 90 metros de profundidade nas proximidades das illas de Ons e Sálvora. “Nestas campaña de carácter investigador e formativo”, explica a CEMMA, “intentarase detectar a especie mediante o rexistro de avistamentos para informar sobre a súa presenza e ecoloxía”. Tamén se están a xerar materiais divulgativos (no apartado habilitado pola coordinadora dentro da súa propia páxina) desenvolvendo conferencias sobre a especie e proximamente dous obradoiros, dirixidos ao sector educativo e pesqueiro.
Vertente tecnolóxica
Ao abeiro deste proxecto inclúese o deseño e a implantación dunha plataforma web e información en diferentes redes sociais (RRSS) como plataformas de soporte e difusión de contidos sobre a toniña: bioloxía da especie, ameazas, accións de conservación.
Plataforma que achegará información básica sobre especie.
Plataforma soporte e descarga de materiais.
– Plataforma para enviar datos avistamento. CEMMA conta cunha aplicación móbil que permite canalizar estes datos. Podemos descargala desde o noso móbil na Play Store e máis na Apple Store.
– Atlas Dixital Osteolóxico-ADO. Podemos entrar na información sobre o ADO da toniña na web da CEMMA.