A CEP acolle a presentación dun proxecto que revolucionará o ámbito loxístico galego
xoves, 27 de marzo do 2025
Este xoves 27 a sede da Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) acolleu a presentación oficial da Factoría de Innovación de Retos Loxísticos (Digital Cologistics Innovation Factory), unha das iniciativas clave do Proxecto Dixital CoLogistics, do que é socio, entre outras entidades, a propia CEP. A cita contou coa presenza de Jorge Cebreiros, presidente da Confederación, e de Carlos Botana, presidente do Porto de Vigo.
A continuación celebrouse unha mesa redonda con Pablo González, director de Comunicación en Grupo Davila, Miguel Abreu, responsábel de Xestión Integral de Residuos en PMA Nutrigras, Simoneta Muñiz, responsábel de Optimización de Procesos Loxísticos en Zenzal, e Isabel Álvarez, directora de DPI Estratexia. A despedida correu a cargo de Covadonga Toca, directora xeral do IGAPE, o Instituto Galego de Promoción Económica. Toca puxo en valor esta iniciativa como unha aposta pola loxística innovadora que busca transformar retos empresariais en solucións reais. “Este proxecto exemplifica á perfección a Galicia que queremos construír: unha Galicia conectada, colaborativa, cunha loxística intelixente e un ecosistema innovador cada vez máis forte”, afirmou.
A Factoría de Innovación de Retos Loxísticos intégrase no proxecto europeo Digital Cologistics, co obxectivo de dixitalizar e facer máis sustentábel o sistema loxístico da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.
“A iniciativa”, explicou Toca Carús, “ofrece un espazo único para que empresas tractoras presenten desafíos reais nos seus procesos e que poidan ser resoltos mediante proxectos innovadores”.
Entre os retos formulados destacan a xestión remota de enchufes en terminais de contedores, a creación de xemelgos dixitais para maquinaria portuaria, a automatización do control de temperatura en envíos sensíbeis, a aplicación de IA á loxística farmacéutica ou o cálculo automatizado da pegada de carbono en operacións Ro-Ro. A factoría apoiará 15 proxectos seleccionados, aos que ofrecerá mentoring, formación, espazos colaborativos e oportunidades de financiamento.
No marco da presentación, Covadonga Toca lembrou que, nos dous primeiros meses de 2025, o IGAPE convocou axudas por valor de máis de 172 millóns de euros destinadas a financiamento de empresas, mellora da competitividade, transformación tecnolóxica, atracción de novos investimentos e dixitalización e sustentabilidade.
Ademais, lembrou Toca Carús, a Xunta está a elaborar, en colaboración co Clúster da Función Loxística, o Plan Director da Loxística de Galicia, que servirá como folla de ruta para consolidar un modelo loxístico eficiente, verde, dixital e preparado para os desafíos do comercio global.