A CNMC avanzou como quederá a TDT tras a liberación do segundo dividendo dixital

xoves, 14 de marzo do 2019 Marcus Fernández

JPEG - 69 KB
Táboa co reparto da TDT que establece o proxecto de real decreto.

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia publicou un informe sobre o proxecto de real decreto polo que se aproba o novo Plan técnico nacional da TDT co que se regulan os aspecto clave para a liberación do segundo dividendo dixital que deixará libre a banda dos 700 MHz (actualmente ocupada pola TDT).
O Goberno tivo que optar pola tramitación de urxencia para a aprobación deste real decreto xa que é precisa a migración de frecuencias asignadas á TDT antes de xuño de 2020, xa que en tal data pasarán a empregarse para servizos de telefonía móbil de quinta xeración (5G).
O novo marco da TDT garante que a banda dos 470 aos 694 MHz será empregada para a televisión como mínimo até 2030, mantendo a oferta de canles actual. Cada múltiple dixital permitirá integrar catro canles de televisión el alta definición, ao tempo que poderán continuar as emisións actuais en definición estándar até 2023, momento no que deberán evolucionar á alta definición, estando permitido o simulcast durante o tempo que tarde en realizarse a mudanza definitiva de frecuencias.
Dende a CNMC levan tempo sostendo que na actualidade existen melloras nos sistemas de codificación e transmisión de vídeo que poderían mellorar as prestacións técnicas das emisións de TDT, como a adopción de codificador H.264 e H.265 ou a transmisión a través de DVB-T2, así como a posibilidade de realizar emisións en 4K, aínda que no texto actual non chegan a concretar a introdución das medidas de melloras da TDT, que non estarían ausentes de problemas, xa que, por exemplo, a adopción do DVB-T2 ou da codificación H.265 podería facer que os novos sinais non fosen compatibles coa meirande parte do parque de televisores nos fogares, o que provocaría un importante quebranto económico para os cidadáns, de aí que os reguladores estean a ser moi prudentes á hora de programas os cambios tecnolóxicos que padecerá a TDT en breve.

PUBLICIDADE