A CNMC permitirá que Telefónica compita libremente no mercado da fibra óptica
luns, 4 de agosto do 2025
O diario Expansión deu conta do feito de que a semana pasada a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) aprobou unha resolución que marca o fin da regulación ex ante do mercado de banda larga fixa residencial en España, centrado principalmente nas redes de fibra óptica. A medida supón que, a partir de febreiro de 2026, Telefónica deixará de estar obrigada a ofrecer acceso regulado á súa rede de fibra aos operadores rivais, como viña facendo ata agora.
A liberalización afecta os mercados de acceso local e central, que a CNMC xa non considera como suxeitos a condicións que xustifiquen a imposición de obrigas específicas. Con esta decisión, Movistar gañará unha maior marxe de manobra comercial, xa que deixará de estar limitada pola necesidade de obter autorización previa para lanzar novas tarifas ou promocións, un proceso que ata agora podía levar entre dúas semanas e un mes.
Non obstante, manterase vixente a regulación que obriga Telefónica a permitir o uso da súa infraestrutura física (como canalizacións, arquetas ou postes), clave para a despregadura da fibra por parte de operadores como Masorange, Digi, Vodafone, Onivia ou Avatel.
Un dos aspectos máis relevantes da nova etapa será a eliminación do requisito de replicabilidade que afectaba ás ofertas comerciais de Movistar. Ata agora, a CNMC debía avaliar se as tarifas da operadora eran replicables polos seus rivais con base nos prezos maioristas, limitando así a súa capacidade de competir en ofertas de retención de clientes. Con este cambio, Telefónica poderá reaccionar con máis axilidade ante os movementos da competencia.
