A CNMV impón unha sanción de 5 millóns de euros a X

xoves, 13 de novembro do 2025 Redacción

Martiño Rivas era un dos famosos empregados como engado dun calote financeiro

A Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) publicou no BOE do 13 de novembro de 2025 a sanción imposta a Twitter International Unlimited Company por unha infracción moi grave. A resolución, datada o 3 de novembro de 2025, recolle que Twitter é sancionada cunha multa de 5 millóns de euros por incumprir os seus deberes de colaboración coa CNMV en relación coa publicidade da plataforma Quantum AI.
Segundo a CNMV, Twitter non comprobou se Quantum AI estaba autorizada a prestar servizos de investimento nin se figuraba na listaxe de entidades advertidas pola propia CNMV ou por outros supervisores estranxeiros, malia o requirimento enviado polo regulador o 8 de novembro de 2023. Isto considérase unha infracción continuada moi grave ao abeiro dos artigos 290.1 n) e 290.2 f) da Lei 6/2023, de 17 de marzo, dos Mercados de Valores e dos Servizos de Investimento.
Twitter renunciou a presentar recursos en vía administrativa, polo que a sanción é firme nese ámbito, mais a resolución aínda pode ser recorrida ante a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional.
Lembremos que a CNMV xa anunciara o expediente sancionador a X (anterior Twitter) en decembro de 2024, tendo advertido das malas prácticas de X xa en 2023, e nos últimos meses FACUA denunciou en varias ocasións que pese ao expediente sancionador, X continuaba a publicitar chiringuitos financeiros, seguindo habitualmente a técnica de compartir falsas novas protagonizadas por celebridades para enganar aos usuarios e dar a entender que persoeiros como Martiño Rivas, Carlos Sobera, Dabiz Muñoz, Pablo Motos ou David Broncano eran clientes de plataformas de investimento ilegais, de xeito que X está a ser cómplice deste tipo de calote.