A CNN sorprende na noite electoral norteamericana facendo gala de hologramas

mércores, 5 de novembro do 2008 Marcus Fernández

O uso da holografía por parte da CNN fixo historia

O pasado mes de febreiro, os medios norteamericanos fixeron un despregue impresionante para cubrir o Supermartes das eleccións primarias dos partidos demócrata e republicano, empregando a pequena pantalla como escaparate de novidades tecnolóxicas, de xeito que a CBS estreou en primicia monitores con tecnoloxía Elo TouchSystems, ABC News tirou proveito da alta definición e a CNN fixo gala dunha pantalla táctil que permitía interactuar coa información en pantalla para ir presentando distintos escenarios posibles dos resultados electorais sobre o mapa. E todas estas tecnoloxía continuaron a empregarse durante as eleccións que veñen de rematar, non conformándose a CNN ca súa pantalla táctil e decidiu amosar ao grande público un rudimentario sistema holográfico para converterse na canle estrela da noite electoral máis agardada dos últimos anos.

O holograma de Jessica Yellin na CNN lembrou a moitos á primeira película de Star Wars

Aínda que non supón un avance con respecto ás tradicionais conexións de vídeo en directo, o feito de que a CNN fose a primeira canle de televisión en facer esta arriscada aposta (e nunha data tan sinalada) serviu para escribir un novo capítulo da historia da televisión mundial, de xeito que os espectadores norteamericanos puideron ver como Wolf Blitzer dende New York falaba primeiro con Jessica Yelin e logo co cantante Will.I.Am (ambos en Chicago) a través dunha recreación tridimensional das súas persoas, cunha aparencia que a moitos lles lembrou ao Episodio IV de Star Wars (onde R2-D2 proxecta un vídeo da Princesa Leia pedindo axuda a Obi-wan Kenobi), dando lugar a numerosas bromas que incluso promoveron os propios participantes nesta experiencia.
Para captar aos entrevistados remotamente foi preciso utilizar 35 cámaras en alta definición situadas ao seu redor con diferentes ángulos, e mesmo se sincronizaron as cámaras das localizacións comunicadas para que as perspectivas encaixasen. Pero nos momentos nos que se proxectaba a imaxe holográfica o plató neoiorquino tivo que limitarse a facer uso dun par de cámaras (o que evidencia que esta tecnoloxía está moi lonxe dunha aplicación práctica habitual).

A alta definición permitiu un mellor aproveitamento do espazo en pantalla durante a noite electoral

Tras admitir que a sorpresa da CNN eclipsou a cobertura que fixeron outras canles televisivas dos comicios electorais norteamericanos é preciso destacar que este ano tamén resultou rechamante o salto á alta definición na cobertura informativa, o que se plasmou nunha calidade de imaxe impresionante en todo momento e nun coidado moi especial aos gráficos que se vían en pantalla. No só cando se presentaban estatísticas, senón que o espazo en pantalla se intentou rendibilizar ao máximo, cunha serie de detalles só válidos para o formato panorámico e cunha boa resolución (para incluír a maior cantidade posible de información). Agardemos que este tipo de innovacións se teñan en conta para o futuro, e que axuden a impulsar, como mínimo, o formato panorámico na televisión española.


Wolf Blitzer falando co holograma de Jessica Yellin


Will.I.Am, un dos responsables do Yes We Can, tamén fixo unha aparición tridimensional na CNN

PUBLICIDADE