A CRTVG achegarase ao público máis mozo a través de Twitch

martes, 30 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Nos últimos tempos a CRTVG quixo levar a comunicación a plataformas en liña como Instagram e TikTok, conseguindo certo éxito con iniciativas como #Instagal e #DígochoEu, e segundo anunciou hoxe o director xeral da corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, na súa comparecencia mensual na Comisión de Control no Parlamento de Galicia, agora espallarán esta estratexia a Twitch, plataforma de vídeo en directo que está a trunfar especialmente entre o público máis mozo.
Sánchez Izquierdo sinalou que a CRTVG coordinará coa Consellaría de Cultura, Educación e Universidade unha petición formal para que se inclúa o galego na estrutura de Twitch, reivindicación que xa leva meses realizándose na Rede, e que facilitaría a localización de contidos en galego dentro da plataforma, o que pode ser un importante incentivo para usar a nosa lingua para as retransmisións en directo.
A CRTVG xa empregara Twitch para emitir torneos deportivos durante o confinamento, e dentro das primeiras accións da nova estratexia contarán con actividades relativas ao Día das Letras Galegas, buscando así achegar a lingua e contidos de interese aos máis novos, na liña do que fixeron con #DígochoEu en TikTok.

PUBLICIDADE