A CRTVG aproba a produción de 12 proxectos dixitais en galego
martes, 22 de outubro do 2024
Dende a CRTVG veñen de anunciar o seu apoio a 12 novos proxectos no marco da súa convocatoria de selección de produtos dixitais en lingua galega. A CRTVG producirá estes proxectos cunha achega de 300.000 euros segundo informaba o pasado venres 18 de outubro o director xeral da Corporación no Parlamento de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, quen aproveitou para subliñar a colaboración dos medios públicos galegos cos profesionais e produtoras do sector audiovisual de Galicia na súa comparecencia mensual ante a Comisión de Control á CRTVG.
Indo aos traballos en cuestión, dicir que serán 12 proxectos entre os que atoparemos: contidos divulgativos, infantís, de lecer, humor ou cultura sobre moi distintos eidos e todos eles teñen en común que están creados de xeito específico para a contorna dixital, polo que os proxectos, que reciben até 25.000 € para a súa produción, serán emitidos a través das diversas plataformas dixitais da CRTVG, fundamentalmente AGalega.gal e a aplicación infantil Xabarin.gal.
Nesta resolución aprobáronse os seguintes 12 proxectos: Canta miña compañeira, de Aqueladas S. Coop. Gal. Xuvenil, unha serie documental que explora a evolución da música popular galega a través das mulleres que a mantiveron viva. Galicia Vertical, de Cesmedia Audiovisual, é unha serie documental na que cada episodio amosa un recuncho único de Galicia, revelando maxestosos cantís, paredes de rocha impresionantes e lugares secretos que só as e os escaladores coñecen. Lixa e verniz, de Chiripa Producións S.L.U., un programa presentado por Daniela, unha carpinteira nova que ten unha misión: axudar a reciclar móbeis e outros elementos para darlles unha segunda vida con moito estilo. Réxime, de CRU Producións S. Coop. Galega. unha serie hibridada entre un
programa de cociña e un documental de divulgación, que aborda as presións estéticas ás que somos sometidas as persoas e as súas consecuencias. Respira, de Margherita Morello, unha serie de meditacións guiadas en galego pensadas para levar á audiencia a un estado de benestar emocional. Bonito con Bonito, de Raquel Arias Ruiz, é un programa que achega unha visión cómica do mundo da costura a través dos ollos de alguén que claramente preferiría estar facendo calquera outra cousa. NailClue, de Cristela Torres Nine, é un programa no que tres artistas manicuristas compiten entre si para elaborar en cinco horas o deseño de uñas postizas que mellor encaixe coa personalidade dun cliente misterioso. Galicia Diversa, de Miramemira, S.L., un programa concibido para dar voz e
visibilidade ás galegas e galegos con discapacidade e/ou diversidade funcional, as súas familias e os profesionais e voluntarios que os asisten. Pipo, de Undodez Producións, S.L. Serie de animación en 2D destinada a rapaces e rapazas de entre cinco e oito anos. Galiworld, de Henfunk Studio, serie de animación 2D para menores de 6 anos, en Galiword todos os seus habitantes son galiñas e pitos, cada día é unha aventura. Tesouros da ría, de Álvaro Trigo Cabaleiro, é unha miniserie de animación 3D destinada a un público infantil-xuvenil que acompaña dous cazatesouros, Sara e
Roque, na busca de tesouros na ría de Viladaponte. Galicia no espello, de Sombriza Films, S.L., serie documental en que Galicia será descuberta a través das verbas dos seus escritores e escritoras. Diferentes puntos de vista confluirán para crear un retrato plural e diverso: visións sobre a confluencia do rural e o urbano, as cuestións LGTBI ou perspectivas de escritores inmigrantes que xa son galegos.