A CRTVG contará coa súa propia OTT en 2024

venres, 3 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Cando a TVG iniciou as súas emisións en alta definición a finais do 2018 adiantábase que estaba en preparación unha plataforma de vídeo baixo demanda da CRTVG, o que no sector audiovisual coñécese comunmente como OTT (over-the-top), que supón o achegamento aos espectadores a través da Internet, sen precisar de medios de transmisión tradicionais como a TDT ou a radio FM para levar os contidos aos seus fogares, abrindo numerosas posibilidades (xa que os contidos deixan de depender dunha grella horaria).
Nos últimos anos foron facendo achegamentos cara á futura OTT, como a creación de G24.gal, EnSerie.gal e radiogalegapodcast.gal, ou incluso a creación de canles de televisión e radio que só poden seguirse a través da Rede, e finalmente o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, asegurou ante o Parlamento de Galicia que o orzamento da Corporación para 2024 increméntase en 4,5 millóns de euros até chegar aos 131 millóns de euros para prepararse para a inminente estrea da nova plataforma dixital OTT coa que a CRTVG disporá, no 2024, dunha oferta de contidos en liña ao xeito das actuais plataformas dixitais internacionais.
O proxecto que facilitará a creación da OTT da Galega require investimentos en modernización tecnolóxica previstos por valor de 1,3 millóns de euros, aínda que non só haberá investimentos no apartado técnico, senón que tamén será preciso adquirir novos contidos destinados á nova plataforma, o que redundará na industria audiovisual galega.

PUBLICIDADE