A CRTVG estrea canle en Twitch

mércores, 12 de maio do 2021 Marcus Fernández

Esta mañá a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) estreou canle en Twitch cunha sesión en streaming de #DígochoEu conducida por Esther Estévez, quen contou coa participación do director do espazo, Carlos F. Amado, e coa lingüista Rocío Pérez. Explicaron brevemente a iniciativa de #DígochoEu e realizaron conexións con numerosos centros escolares de toda Galicia nos que non faltaron réplicas do formato creador para a Internet pola CRTVG, como boa mostra do seu potencial para a formación e dinamización lingüística.
Durante as conexións os alumnos transmitiron as súas preguntas a Esther Estévez, demostraron o seu interese por como se produce #DígochoEu e comunicaron unanimemente a súa esperanza para que sesións deste estilo poidan realizarse presencialmente unha vez superada a actual crise sanitaria.
A nova canle de Twitch contará con dúas emisións semanais do #DígochoEu, que realizaranse os luns e os mércores ás 22:00 horas e que tratarán respectivamente de O reto do #DígochoEu (cunha entrevista en directo e probas lingüísticas a convidados, dos que o primeiro será Brais Doval do Malicia Noticias) e o #ApuntamentoLusófono (coa colaboración do actor portugués Rodrigo Paganelli, abordando as semellanzas entre o galego e o portugués dun xeito lúdico).

DígochoEu.gal

Esther Estévez anunciou o nacemento de DigochoEu.gal durante o directo en Twitch

Aproveitouse a ocasión para presentar oficialmente a páxina web oficial de #DígochoEu, que nace como un catálogo de todo o material publicado por #DígochoEu para facilitar a súa localización, dado o seu interese como ferramenta educativa. Adiantouse que de cara ao vindeiro curso pretenden que a páxina web conte cun apartado para os docentes, facilitando un maior aproveitamento do que podemos considerar todo un fenómeno social entre a rapazada galega.

A nova páxina web quere converterse nunha valiosa ferramenta educativa

PUBLICIDADE