A CRTVG foi vítima dun ataque informático

mércores, 16 de agosto do 2023 Marcus Fernández

O pasado 25 de xullo a Corporación de Radio e Televisión de Galicia foi vítima dun ataque informático tipo ransomware que tería afectado ao funcionamento dos medios públicos galegos e mesmo podería ter suposto a filtración de datos persoais dos traballadores do ente público, o que leva ao seu Comité Intercentros a reclamar información «directa, urxente e actualizada».
A representación legal dos traballadores critica que tres semanas despois do ataque non teñan información clara sobre os datos que poderían estar comprometidos. Tamén se comenta que os departamentos de soporte e técnicos «seguen a traballar para recuperar a capacidade total de produción dos medios públicos galegos» asegurando o ente que «a maioría dos sistemas xa funcionan como antes do ataque».
Aseguran que o volume de datos da CRTVG que poderían terse filtrado superaría os 500 GB, entre os que figurarían información e datos persoais dos traballadores, como documentos de identidade, tarxetas sanitarias, nóminas ou facturas.