A CRTVG lanza o portal de todas as nosas músicas, Musi.gal

xoves, 20 de abril do 2017 Redacción

A Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) vén de lanzar un novo servizo dixital para poñernos o máis preto posíbel a nosa música e os nosos artistas, dende os máis tradicionais até o máis vangardistas, dende o máis popular e mainstream até o máis independente. A idea, polo tanto, é fornecer á audiencia dos medios públicos de contidos musicais do máis variado e a demanda. Trátase de musi.gal, un portal que a CRTVG presenta como un ambicioso e pioneiro portal sobre musica feita na nosa terra e no que, entre outras cousas, poderemos escoitar acceder a interpretacións, programas documentais, contido gráfico e mesmo a un mapa das músicas.
Segundo engade a compañía, Musi.gal “reúne programas e interpretacións musicais de tres importantes fontes de recursos”. Por un ha banda, a páxina alala.crtvg, portal que acubilla a serie documental do mesmo título producida pola TVG co obxectivo de impulsar a música tradicional e de recoller e divulgar a cultura oral de Galicia. En segundo lugar, a web musigalite.gal, espazo multiplataforma sobre o panorama da música independente galega e no que, en palabras dos seus impulsores, “conflúen as experiencias audiovisuais e dixitais que antes tiveron o seu reflexo no programa Musigalité da Televisión de Galicia.
Por último a proposta compleméntase con Intermusic, unha proposta concibida integramente para ser dixital e na que se emprazan as historias dun cuarteto de músicos galegos novos (Ana López Tejero, Millán Abeledo, Cibrán Seixo e Brais Palmeiro) que deciden coller os seus instrumentos e mochilas e facer un interrail para levar a tradición galega por Europa e amosar que a música é unha linguaxe internacional.
A CRTVG promove Musi.gal co fin de “aproveitar as tecnoloxías dixitais para poñer o seu material de arquivo a disposición pública e promover a cultura musical”.

PUBLICIDADE