A CSAG presenta as súas contas anuais no Parlamento de Galicia

martes, 30 de xuño do 2026 Redacción

A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) pechou o exercicio 2025 cun resultado orzamentario positivo de 687.166 euros (0,7 millóns de euros), segundo as contas anuais presentadas hoxe no Parlamento de Galicia pola directora xeral, Concepción Pombo. Con este balance, os medios públicos galegos acumulan xa 17 exercicios consecutivos con superávit, mantendo unha traxectoria de estabilidade financeira.
Na súa primeira comparecencia para presentar as contas anuais da Corporación, Concepción Pombo explicou que 2025 estivo condicionado pola convivencia entre a continuidade do modelo existente e a transición cara a unha nova etapa multiplataforma. Neste proceso, sinalou que se está a reforzar a estratexia dixital da entidade e a impulsar a alfabetización dixital como un elemento transversal, tanto na organización interna como na súa relación coa cidadanía.
A directora xeral tamén destacou a eficiencia da xestión económica da CSAG e asegurou que os resultados consolidados reflicten unha administración eficaz dos recursos públicos e o avance no saneamento financeiro. Segundo indicou, a actual dirección e a anterior conseguiron reducir preto do 92 % da débeda herdada en 2009, que ascendía a 51 millóns de euros.
En materia de recursos humanos, Pombo subliñou que se completou a estabilización do 100 % do cadro de persoal grazas ás ofertas públicas de emprego e á planificación estratéxica desenvolvida nos últimos anos.
O gasto de persoal situouse en 51,6 millóns de euros durante 2025, mentres que a partida destinada a compras alcanzou os 46,5 millóns de euros. Segundo destacou a Corporación, este investimento repercute de forma directa no tecido empresarial do sector audiovisual galego.
A comparecencia coincidiu coa publicación da segunda onda do Estudo Xeral de Medios (EGM) de 2026. Segundo estes datos, a TVG alcanzou unha cota de pantalla do 26,9 %, a segunda mellor da súa historia, datos que contrastan radicalmente coas medicións de audiencia (non enquisas) de Fifty5Blue, que apunta xusto ao contrario: a TVG pecharía tempada con mínimos históricos, cunha cota de pantalla do 7,9 % entre setembro de 2025 e xuño de 2016, e un mes de xuño cunha cota de pantalla do 6,7 %.
Pola súa parte, a Radio Galega continúa como a emisora pública con maior audiencia en Galicia, cun total de 111.000 oíntes de luns a venres, tras rexistrar un incremento do 19,3 % nesta segunda onda do EGM. A cifra case duplica a audiencia de RNE en Galicia (51.000 oíntes). Sumando tamén a Radio Galega Música, as emisoras da Corporación alcanzan os 143.000 oíntes.

Datos de audiencia de emisoras de radio rexistrados polo EGM na súa última onda
Imaxe de Barlovento Comunicación