A Cámara da Coruña achega formación de balde para a dixitalización dos negocios

xoves, 11 de xaneiro do 2024 S. P.

Será nas vindeiras semanas cando teñan lugar varios webinars de balde da man da Oficina Acelera Peme para Kit Dixital da Cámara de Comercio da Coruña a través do seu servizo de asesoramento, información e acompañamento para a introdución de procesos dixitais. A finalidade destes seminarios é facilitar ás empresas ferramentas útiles para a súa aplicación nos procesos de dixitalización da súa actividade.
Asemade, a Cámara, que conta cunha ampla experiencia no apoio á transformación dixital das pemes, informa sobre fontes de financiamento asociadas á introdución do seu Plan de Dixitalización, salientando as axudas do programa Kit Dixital.
Deste xeito, o obxectivo principal da Oficina Acelera Peme para Kit Dixital da Cámara da Coruña é impulsar a transformación dixital das pequenas e medianas empresas da súa demarcación, incluídas as de nova creación, persoas autónomas e persoas emprendedoras, realizando un labor difusor e de acompañamento no seu desenvolvemento dixital. Amais disto, achega un servizo de asesoramento personalizado e acompañamento no seu esforzo de dixitalización que lles permita prepararse e dotarse dos recursos precisos para maximizar a produtividade e competitividade dos procesos de negocio, produción, desenvolvemento ou comercialización dos seus produtos ou servizos mediante o uso do TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación).
Alén disto, o obxectivo xeral é contribuír á implantación do conxunto de solucións do Programa Kit Dixital como oferta de ferramentas chave no eido da dixitalización.
Cómpre engadir que con carácter mensual, tamén se realizan diversas actividades de difusión e sensibilización sobre as vantaxes da incorporación das TIC nos procesos de negocio.
Webinars
Kit Dixital: Como abordar a dixitalización do meu negocio- 11 de xaneiro
Sinatura electrónica: Todo o que precisas saber para dixitalizar o teu negocio co Kit Dixital- 25 de xaneiro
Kit Dixital: A importancia do plan de dixitalización para optimizar o teu financiamento- 8 de febreiro
Aspectos legais a ter en conta nun proxecto de dixitalización, empregues ou non o financiamento de Kit Dixital- 22 de febreiro.

PUBLICIDADE