A Cámara da Coruña analiza nunha xornada as tendencias de dixitalización para pemes en 2025

mércores, 15 de xaneiro do 2025 S. P.

A Cámara da Coruña vai organizar neste arrinque de ano unha nova xornada de transformación: a xornada tecnolóxica Ferramentas e tendencias de dixitalización para pemes en 2025 que permitan aproveitar máis o Kit Dixital. Será este xoves 16 de xaneiro a partir de 10.00 e terá unha duración de arredor dunha hora.
Trátase dunha xornada tecnolóxica online gratuíta para pemes, autónomos e emprendedores, que ten como obxectivo abordar as principais tendencias tecnolóxicas que darán forma ao panorama empresarial en 2025.
Analizaranse temas clave como a IA, a automatización de procesos, a cadea de bloques (blockchain), a ciberseguridade e a sustentabilidade dixital, destacando como estas tecnoloxías impactarán a forma de operar das empresas, e cun enfoque especial en como as pemes poden adaptarse, e aproveitar estas tendencias para seguir sendo competitivas.
Ademais, como en cada xornada, analizarase como mediante o bono do programa Kit Dixital é posible tirar proveito do financiamento dalgunha destas posibles melloras tecnolóxicas para os negocios e debullaranse exemplos reais de implantación, que poidan axudalos a identificar procesos internos a automatizar.
O relator será Alfonso Rodríguez, director executivo (CEO) en Vega Consultores, profesional con ampla experiencia no ámbito empresarial e con formación en Administración e un Master MBA Executive. Alfonso dstaca pola súa capacidade en procura de novas oportunidades de negocio, alcanzando o éxito en todos os proxectos nos que participa.