A Cámara da Coruña brinda unha manchea de cursos tecnolóxicos para mozas e maiores de 45 anos
luns, 22 de febreiro do 2021
A
Cámara
de Comercio da Coruña abriu o prazo de solicitudes para participar
nos 125 cursos de formación que deseñou para complementar a
formación de mozas, por unha banda, e de persoas maiores de 45 anos,
pola outra, ao longo do primeiro semestre de 2021. Boa parte dos
ditos cursos son iniciativas para facer avanzar á cidadanía en
empregabilidade e capacitación tecnolóxica.
En
primeiro lugar, a entidade programou 112 cursos, subvencionados ao
cen por cen, que se impartirán nas modalidades online e
presencial e que están dirixidos a mozos inscritos no Sistema de
Garantía Xuvenil e no Programa Integrado de Cualificación e Emprego
(PICE) da Cámara.
As
persoas interesadas poden cursar nesta modalidade online
cursos sobre inglés, emerxencias sanitarias, xestión de residuos
industriais, mercadotecnia dixital, formación de formadores,
desenvolvemento de aplicacións 3D, AutoCAD 3D, linguaxe XML,
mecanizado ou negociación de contratación internacional, entre unha
extensa oferta.
A
programación presencial inclúe, pola súa banda, cursos de
dixitalización de negocios, deseño 3D, vixiante de seguridade,
persoal de tenda e ecommerce, fotografía, repostaría,
xeadaría e panadaría ou Excel para pequenas e medianas empresas e
operacións financeiras, entre outros.
Todas
as actividades previstas inclúen formación orientada á procura de
emprego, como participar en procesos de selección, mellorar as
habilidades persoais e sociais e a utilización de Internet.
Algúns
deles, como o de Auxiliar de Reposición e Venda en Gran Superficie
contan con prácticas en empresas con posibilidade de incorporación
á mesma ao seu termo.
Pola
súa banda, o novo programa Emprego 45+ que a Cámara ofrece con
carácter gratuíto a persoas de entre 45 e 60 anos en situación de
desemprego, inclúe formación e asesoramento para mellorar as súas
posibilidades de volver incorporarse ao mercado laboral. O obxectivo
é “colaborar na mellora da empregabilidade deste colectivo e, en
esencia, ofrecerlles un servizo de acompañamento activo que lles
axude a identificar novas oportunidades laborais”.
Tras
coñecer de primeira man o perfil dos participantes, especialmente no
relativo ao nivel de competencias dixitais, os profesionais da Cámara
deseñarán o itinerario a seguir e as accións máis axeitadas para
cada perfil. “A mellora das competencias dixitais será o paso
seguinte no percorrido do programa, mediante accións formativas
adaptadas ás necesidades de cada participante”, explicaron fontes
da Cámara, engadindo que os contidos dos 13 cursos programados
abranguerán desde o uso de ferramentas dixitais para a elaboración
e envío de currículos, até o dominio dos habituais paquetes
ofimáticos, pasando polo manexo e monitoraxe das redes sociais,
traballos na nube de Google Drive, community management,
ferramentas de deseño, ou elaboración e xestión de webs.