A Cámara da Coruña e o Concello reforzan a súa colaboración en materia innovadora e transformadora

luns, 1 de setembro do 2025 S. P.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Cámara, Antonio Couceiro, asinaron este luns 1 de setembro dous convenios de colaboración destinados a reforzar o apoio ao tecido empresarial da área e a favorecer a proxección das súas pemes.
O primeiro dos acordos establece a adhesión do Concello á Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Cámara, que ofrece acompañamento personalizado a empresas interesadas en establecerse na área (para o que realiza unha xestión integral do proceso de investimento para facilitar a súa entrada ao mercado local), e axúdalles a conectar co ecosistema de innovación, promovendo colaboracións estratéxicas á vez que promociona as vantaxes competitivas da Coruña como destino tecnolóxico de referencia.
O segundo convenio rubricado regula a participación do Concello na nova edición de Exporpemes (Exporpymes), a feira organizada pola Cámara da Coruña que, en palabras da entidade, consolidouse como un dos principais escaparates de internacionalización para as pequenas e medianas empresas galegas. Na súa última edición participaron 120 compañías e propiciáronse máis de 500 contactos directos entre empresas exportadoras e importadoras. Con estas sinaturas a Cámara da Coruña e o Concello reafirman o seu compromiso conxunto de “traballar xuntos na dinamización económica e no apoio ás pemes, poñendo a innovación e a internacionalización no centro da súa estratexia”.