A Cámara da Coruña e o ITG promoven a creación de comunidades enerxéticas locais con tecnoloxías intelixentes

mércores, 28 de xuño do 2023 S. P.

Os directores xerais da Cámara da Coruña e do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Manuel Galdo e Carlos Calvo, asinaron este mércores 28 un convenio de colaboración para o impulso de comunidades enerxéticas locais (CEL) na área. Grazas a esta alianza, poderán facilitar a empresas información, apoio na procura de financiamento e proxectos chave en man.
Segundo lembraron, as comunidades enerxéticas locais nacen como unha resposta eficiente e sustentábel aos desafíos enerxéticos aos que nos enfrontamos na actualidade. Trátase de grupos de individuos, empresas ou institucións que se unen para xestionar e compartir recursos enerxéticos de maneira local. O seu obxectivo principal é promover a produción, distribución e consumo de enerxía renovábel a nivel comunitario, fomentando a autosuficiencia enerxética, a eficiencia e a redución de emisións. As CEL buscan situar ao cidadán de novo no centro do ecosistema enerxético.
A través desta colaboración, Cámara e ITG traballarán da man para expandir esta solución que permitirá, por exemplo, que nun polígono industrial onde os propietarios das naves, comercios existentes ou edificios dotacionais, poden decidir cando e como fornecer, consumir, almacenar e distribuír a enerxía renovable que eles mesmos xeren.
Como lembraremos, o ITG presentou este mes de xuño unha tecnoloxía que permitirá aos usuarios das CEL aforros dun 10 a un 15% na súa factura enerxética. Mediante a creación dunha comunidade enerxética virtual e a xestión intelixente, e coa aplicación de algoritmos de Intelixencia Artificial, o ITG demostrou se pode optimizar a xestión da enerxía e predicir consumos. A tecnoloxía desenvolveuse ao abeiro de AGERAR II, proxecto transfronteirizo liderado por ITG no que participan tamén o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e o Instituto Nacional de Estadística y Geografía (INEGI). Ten como obxectivo promover modelos enerxéticos innovadores baseados no uso de tecnoloxía intelixente que axude a comunidades a decidir de xeito máis eficiente, promovendo un uso máis sustentábel dos recursos, con beneficios ambientais, económicos e de aforro enerxético.

PUBLICIDADE