A Cámara da Coruña é recoñecida como a mellor de España en fomento do emprendemento
venres, 24 de maio do 2024
A Cámara de Comercio de España celebrou este xoves 23 de maio a terceira edición dos Premios Cámaras na que a da Coruña foi recoñecida como a mellor na categoría de Emprendemento co seu proxecto EduInspira que, en colaboración coa Xunta de Galicia, ten como obxectivo “mostrar ao alumnado de FP os beneficios da actividade emprendedora”. Trátase dunha iniciativa que achega a empresas e mozas a través de charlas e obradoiros que empregan “unha metodoloxía experiencial”.
Os Premios Cámaras teñen como propósito destacar e valorar a contribución das entidades territoriais en ámbitos de gran relevancia para o progreso económico e social do país.
Para Manuel Galdo, director xeneral da entidade da Coruña, “este recoñecemento vén dar resposta ao esforzo que desde a Cámara facemos por impulsar a actividade emprendedora na nosa contorna, algo que facemos na crenza do potencial que ten para abordar problemas e impactar positivamente na sociedade. Supón, por tanto, unha posta en valor da figura da persoa emprendedora como xeradora da creación de riqueza, así como de impulsora do desenvolvemento económico e da mellora da calidade de vida da sociedade”.
A entrega foi presidida polo ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, quen sinalou "a vital achega das Cámaras de Comercio, repartidas por todo o territorio nacional, na defensa do comercio e da industria” e apelou á súa colaboración no impulso da reindustrialización do país.