A Cámara da Coruña formará en videoxogos á mocidade desempregada
mércores, 15 de xaneiro do 2025
A Cámara da Coruña comezou o ano ofrecendo unha variada oferta formativa dirixida á mocidade rexistrada no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, que permita ás persoas participantes mellorar a súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral.
No paquete de capacitación inclúese unha acción específica centrada nos videoxogos, en palabras da entidade cameral “un sector en pleno auxe que medra a nivel global e que ofrece cada vez máis oportunidades laborais, xa que é unha das áreas tecnolóxicas con maior demanda de profesionais cualificados”.
Todas estas actividades, deseñadas de acordo coas necesidades reais das empresas, están enmarcadas no programa Talento Novo e están subvencionadas ao 100% polo Fondo Social Europeo e a entidade cameral. Ademais, as persoas participantes poden optar a unha bolsa de transporte e, nalgún dos casos, a cursar estadías de prácticas non laborais en empresas.
A axenda formativa inclúe cursos en aula virtual (inglés) e presenciais. Neste último apartado inclúense os seguintes: Auxiliar de Almacén e Manexo de Cargas con Carretillas (do 15 de xaneiro ao 28 de febreiro), Persoal de apoio para xestoría (do 20 de xaneiro ao 26 de marzo), Deseño e desenvolvemento de videoxogos (do 20 de xaneiro ao 26 de marzo), Panadería e Repostería. Manipulación de Alimentos (do 27 de xaneiro ao 2 de abril), Xestión Estratéxica de Eventos e Protocolo (do 29 de xaneiro ao 11 de abril) e Visual Merchandising, Escaparatismo, Atención ao Cliente e Xestión Comercial (pendente de datas confirmadas).