A Cámara da Coruña impulsa as vendas en liña das empresas no exterior con axudas de até 4.900 euros

martes, 14 de setembro do 2021 S. P.

A Cámara da Coruña vén de pór en marcha un servizo para potenciar as vendas en liña das nosas empresas no exterior. A iniciativa vén con axudas de até 4.900 euros. Trátase do programa de ecommerce internacional Int-eCom, que reforza a presenza noutros países do noso tecido produtivo.
O programa consta dunha fase de asesoramento e outra de axudas. Na fase de asesoramento, gratuíta, a empresa contará co apoio dun técnico especialista en internacionalización, que lle axudará a deseñar un plan de ecommerce nun mercado internacional concreto. Esta fase ten unha duración máxima de tres meses.
Na fase de axudas a empresa conta cun orzamento de até 7.000, co-financiado polo FEDER nun 70%, polo que a axuda pode chegar aos 4.900 euros para o desenvolvemento das actuacións contempladas no plan de acción definido na fase de asesoramento. A duración da fase de axudas é de 6 meses, tras a finalización da fase de asesoramento. Para máis datos, visitar a web da Cámara.
Int-eComm é un programa que xestiona a Cámara de Comercio da Coruña, en colaboración coa Cámara de España, e que está co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) como medida para facer fronte ao impacto económico da COVID-19.

PUBLICIDADE