A Cámara da Coruña impulsa os programas Peme Cibersegura e Peme Dixital

luns, 1 de xullo do 2024 S. P.

A Cámara da Coruña, no marco da súa aposta por impulsar a transformación, a dixitalización e a competitividade das pemes da demarcación, abre este 4 de xullo o prazo de solicitudes para participar no programa Peme Cibersegura, que ten como obxectivo mellorar a rendibilidade e a actividade dos negocios a través da incorporación de novas tecnoloxías como xestión da identidade e contrasinais, detección e eliminación de malware, xestión de parches e vulnerabilidades, redes privadas virtuais ou antivirus, devasas e ransomware.
Nunha primeira fase, os profesionais da Cámara realizan unha análise de necesidades sobre o nivel de aproveitamento das tecnoloxías nos negocios e realiza unha recomendación de diferentes opcións de mellora. A continuación, a empresa implanta a solución máis adecuada e a Cámara tramita as axudas que poden chegar aos 2.568 €. Poderán participar ata 12 empresas.
Pola súa banda, a través do programa Peme Dixital, que acaba de pechar o prazo de solicitudes, a entidade achega solucións para mellorar a competitividade de 24 negocios a través da incorporación de novas tecnoloxías como ferramentas de produtividade na nube, comercio electrónico, mercadotecnia dixital, entre outras.
Á hora de implantar a solución máis axeitada, a Cámara encárgase tamén de tramitar as axudas que, neste caso, poden chegar aos 4.494,00 €.
Ambos os programas están financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

PUBLICIDADE