A Cámara da Coruña lanza aplicación móbil para mellorar a calidade dos seus servizos

luns, 31 de xaneiro do 2022 S. P.

Ao abeiro do seu Plan de Renovación Tecnolóxica, a Cámara de Comercio da Coruña anunciou o lanzamento dunha nova aplicación móbil co obxectivo de “mellorar a calidade dos servizos que ofrece”. A ferramenta, compatible con iOS e con Android, é un novo paso da entidade en materia de transformación tecnolóxica integral, logo da remodelación recente da súa páxina web, da que informamos neste medio. Estas novidades teñen o nexo común de “optimizar a relación cos socios e usuarios da Cámara”, que poden acceder aos seus servizos “dunha forma moito máis cómoda, sinxela e intuitiva”.
Segundo informou a entidade, estas novidades TIC virán acompañadas dun avanzado servizo de seguridade na Rede, “o que permitirá aproveitar todas estas novas funcionalidades con tranquilidade, desde calquera recente e a través de calquera dispositivo”.
Estas novidades responden ao interese da Cámara por facer unha aposta integral pola tecnoloxía e a innovación, “dous factores fundamentais para operar nunha contorna cun alto nivel de competitividade que xera unha gran cantidade de información a gran velocidade”, explican fontes da entidade, engadindo que “todos estes cambios supoñen, ao mesmo tempo, unha oportunidade para adquirir novas técnicas e habilidades que permitan optimizar o servizo ofrecido.