A Cámara da Coruña licita a obra do seu novo centro de formación

mércores, 14 de agosto do 2024 S. P.

A Cámara da Coruña inicia o proceso de licitación para a construción dun novo Centro de Formación, unha infraestrutura que busca “potenciar o desenvolvemento profesional e empresarial da área” e que, en palabras da entidade, “consolidará a Cámara como referente en materia de formación empresarial e para o emprego”. O proxecto, un dos piares de crecemento que recolle o Plan Estratéxico da Cámara da Coruña, situarase no terceiro andar da sede central da entidade, un espazo que vén dinamizar o centro urbano da Coruña e que ocupará unha superficie de 750m2, distribuídos en 8 aulas, incluída unha Aula Magna e dúas salas de informática.
A entidade contempla un investimento total, incluíndo as partidas de deseño e decoración, de 420.000 euros provenientes de fondos propios.
Para Antonio Couceiro, presidente da Cámara, “este centro supón un paso fundamental para fortalecer o tecido empresarial da Coruña. O noso obxectivo é continuar proporcionando a empresas e profesionais as ferramentas necesarias para adaptarse ás demandas dun mercado en constante evolución e favorecer o desenvolvemento económico e social da área. Hoxe en día, o capital humano é un elemento clave e diferenciador para a competitividade das nosas empresas. É por iso, que a Cámara prioriza o facilitar o acceso a unha formación de calidade”.
Segundo engade, o centro está concibido para ofrecer “unha contorna de aprendizaxe innovadora que apoie o crecemento das capacidades laborais e empresariais”. Contará con espazos versátiles equipados con tecnoloxía avanzada para facilitar unha variedade de programas de formación, cursos e seminarios nas opcións de aprendizaxe online, presencial e en aula virtual. “Trátase dunha oferta deseñada para responder as necesidades actuais do mercado e as tendencias das empresas e as industrias”, sinala.
As bases da licitación están publicadas no Perfil do Contratante da web da entidade. O prazo de presentación de ofertas finaliza o 30 de setembro e está previsto que entre en funcionamento a próxima primavera.