A Camara de Comercio da Coruña comeza as obras do seu novo espazo de formación innovadora

xoves, 23 de xaneiro do 2025 S. P.

Informan dende a Cámara de Comercio da Coruña do comezo das obras do seu novo Centro de Formación, unha infraestrutura definitiva que busca potenciar o desenvolvemento profesional e empresarial da área e que vén de consolidar á entidade como referente en materia de formación empresarial e para o emprego.
O proxecto, un dos alicerces de crecemento que recolle o Plan Estratéxico da Cámara da Coruña, situarase no terceiro andar da sede central da entidade, un espazo que servirá de punto dinamizador do centro urbano da Coruña e que ocupará unha superficie de 750m², distribuídos en 8 aulas, incluída unha Aula Magna e dúas de Informática.
Engadir que a entidade estima un investimento total (incluíndo deseño e decoración) de 420.000 euros de fondos propios. En canto á apertura, agárdase que sexa antes de verán.
Indo ao Centro en cuestión, sinalar que está concibido para achegar unha contorna de aprendizaxe innovadora que apoie o crecemento das capacidades laborais e empresariais. Contará con espazos versátiles equipados con tecnoloxía avanzada para facilitar unha variedade de programas de formación, cursos e seminarios nas opcións de aprendizaxe en liña, presencial e en aula virtual. Unha oferta deseñada para responder ás necesidades actuais do mercado e ás tendencias das empresas e as industrias.
Para a entidade, a formación é un eixo prioritario que achega aos profesionais da súa demarcación e en 2024 impartiu máis de 10.000 horas de formación, a máis de 3.600 alumnos e alumnas (+13% con respecto a 2023) nos 250 cursos que programou.