A Cámara de Santiago achega unha xornada sobre as posibilidades da IA para as pemes
mércores, 15 de outubro do 2025
A Cámara de Comercio de Santiago organiza este mes de outubro unha nova xornada de transformación empresarial centrada, desta volta, nas posibilidades da Intelixencia Artificial para incrementar rendibilidade, competitividade, marca, visibilidade, comunicación e eficiencia. O seminario en liña IA para pemes: oportunidades reais e como empezar. Será ás 10.00 horas e terá unha hora de duración. Desenvolverase en liña e será de balde.
O obxectivo é desmitificar a Intelixencia Artificial e presentala como unha ferramenta accesible e potente para a mellora da competitividade nas pequenas e medianas empresas.
Trátase dunha xornada dirixida a pemes, autónomos e emprendedores.
O seminario será impartido por Rubén Beiroa, enxeñeiro en electrónica e automática industrial, director executivo (CEO) de De Train On Tech e co-fundador de Everlatic, ademais de formador e integrador de solucións IoT e coordinador do Nodo 5G de Galicia.
Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
