A Cámara de Santiago axudou a máis de 180 empresas nos seus procesos de innovación e dixitalización

mércores, 17 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

A Cámara de Comercio de Santiago vén de facer reconto de fitos TIC conseguidos ao longo do ano que deixamos atrás, un 2017 no que a entidade industrial e empresarial forneceu “unha manchea de servizos profesionais de innovación”. Por exemplo o programa InnoCámaras, no que dúas ducias de empresas foron admitidas, contando con asesoramento de balde e axudas directas para actividades de innovación. A Cámara tamén impulsou o programa TICCámaras que, como o seu nome indica, encamíñase a facilitar a incorporación nas PEME de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) como ferramentas competitivas claves nas súas estratexias. Nesta convocatoria participaron 47 empresas.
O programa de actividades tamén incluíu un servizo de certificados dixitais, o servizo Carmerfirma. En 2017, a Cámara emitiu 18 certificados dixitais a empresas e autónomos e 42 a particulares para inscribirse no Programa Integral de Cualificación e Emprego (PICE).
Ademais, organizáronse varias xornadas informativas e divulgativas orientadas á sensibilización das empresas no uso das novas tecnoloxías, que contaron con 183 alumnos. En termos máis concretos, elaboráronse xornadas sobre como atraer visitantes a un sitio web, sobre como fomentar a internacionalización dixital e sobre os aspectos máis significativos da propiedade industrial.
A nivel de seguimento e participación na Rede, a web corporativa www.camaracompostela.com incrementou progresivamente as súas cifras de visitantes distintos e número de visitas, situándose nunha media mensual de 54.292 páxinas vistas en 2017 (cun incremento dun 5% respecto de 2016), e unha media de visitantes distintos mensuais de 5.382, o que achega un medre do 22% con respecto ao ano anterior.
Ademais, a entidade compostelá foi quen de ampliar presenza e comunidades nas redes sociais, con máis de 2.200 Gústame en Facebook e 3.096 seareiras/os en Twitter, incrementando o seu impacto nos social media en relación a 2017. Esta pegada en Facebook e Twitter foi especialmente valorada pola Cámara, que considera que o establecemento da súa marca neste tipo de canles interactivas lle permite “achegar a entidade ás empresas da demarcación coa finalidade de presentarlles os servizos, proxectos, programas e coñecer as súas necesidades dunha forma organizada”.
A entidade adoita incluír nos seus muros información relativa a eventos e actos da organización, cursos e xornadas de formación, actividades de internacionalización ou programas de creación de empresas. “A estratexia xeral da Cámara en mercadotecnia dixital e redes sociais consiste en orientar os esforzos para ser máis accesíbeis ás empresas da nosa demarcación”, apuntou a este respecto o técnico da entidade compostelá Anselmo Díaz.
Outras das ferramentas en liña que emprega a Cámara de Comercio de Santiago é o boletín informativo, do que se enviaron 36 versións no último ano a un total de 4.780 inscritos.

PUBLICIDADE