A Cámara de Santiago dálle un empurrón ao proceso dixitalizador das empresas con TICCámaras

venres, 8 de xuño do 2018 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago vén de convocar unha nova edición do seu programa para empurrar a dixitalización das empresas locais. Trátase de TICCámaras 2018, que inclúe axudas para PEME, microPEME e autónomos para que, en termos de servizos concretos, lle poidan tirar proveito a cousas como a nube, o comercio electrónico ou a mercadotecnia dixital. O obxectivo é que poidan mellorar as súas estratexias, maximizar oportunidades e incrementar produtividade competitividade.
O programa, co-financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, ofrece plans de incorporación da economía dixital mediante un plan individual de sensibilización e apoio á empresa destinataria para a integración das TIC nos seus procesos de negocio e estratexias. Inclúe unha primeira fase cun servizo de diagnóstico de balde, onde técnicos camerais analizan o nivel de aproveitamento das tecnoloxías no negocio e recomendan diferentes opcións de mellora.
En concreto, incentivará que as empresas incorporen ferramentas de produtividade na nube, como ERP, CRM (sistema de xestión de clientes), TPV, loT, Big Data, realidade virtual, mellora tecnolóxica para o comercio electrónico creando ou actualizando webs, tenda en liña, pasarela de pagos, facturación electrónica ou sinatura dixital, ou adquirindo coñecementos de marketing dixital en canto a visualización web, mercadotecnia dixital, redes sociais ou aplicacións móbiles.
Nunha segunda fase do programa está a implantación dun plan de desenvolvemento tecnolóxico, subvencionado ata un 70% polo Fondo FEDER para investimentos dun máximo de 7.000 euros, mentres que a empresa beneficiará aportará o 30% adicional, aínda que deberá prefinanciar o 100% do investimento.
O prazo de presentación de solicitudes abrirase o vindeiro 15 de xuño e pecharase o 31 de xullo. A tramitación poderase realizar de maneira presencial nas dependencias da Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo, 44, baixo) ou de maneira telemática na sede electrónica da entidade. Para máis información, cómpre acceder á sede electrónica da entidade compostelá.

PUBLICIDADE