A Cámara de Santiago e Extraordinarias.net formarán en competencias dixitais para mulleres emprendedoras
mércores, 12 de marzo do 2025
A Cámara de Comercio de Santiago acolle este mes de marzo un novo obradoiro tecnolóxico dirixido a mulleres emprendedoras e centrado nas competencias dixitais e na transformación, desenvolvido baixo o paraugas do programa Extraordinarias.net. A xornada, presencial, desenvolverase o 19 de marzo en horario de tarde, de 16.00 a 20.15 horas.
Os obxectivos son mostrar os conceptos básicos do posicionamento na Rede (SEO e SEM) e as ferramentas de análises de datos en Google e Meta Business Suite (Instagram e Facebook), ademais de establecer obxectivos e KPIs relevantes para as empresas das mulleres participantes. Tamén lles permitirá explorar ferramentas e solucións de IA para a automatización de tarefas repetitivas e aprenderalles como protexer a información e os datos das súas empresas ante posibles ataques.
Extraordinarias.es é unha iniciativa que conta con talleres de balde adaptados ao nivel das participantes, para axudalas no proceso de transformación dixital e impulsar definitivamente “esa idea de emprendemento que queren poñer en marcha ou facer medrar cadanseu negocio”.
Neste programa de Extraordinarias as asistentes contarán cun plan de aprendizaxe adaptada ás súas necesidades individuais, o cal serviralles de guía no proceso de transformación dixital. Ademais, mostraralles exemplos concretos de emprendedoras que desenvolveron proxectos e negocios destacados, os cales contribuíron a impulsar a economía local, facéndoa máis sostible e permitindo a súa expansión a maior escala.
Extraordinarias é un programa impulsado por Fundación Cibervoluntarios co apoio do Ministerio de Traballo e Economía Social, e o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
