A Cámara de Santiago e Inma Gregorio mostran como converter contidos en fonte de ingresos
mércores, 6 de maio do 2026
A Cámara de Comercio de Santiago organiza para a semana unha nova xornada formativa de transformación tecnolóxica para persoas autónomas e emprendedoras e para pequenas e medianas empresas. Trátase do seminario en liña (e de balde) Aprende como converter os teus contidos dixitais nunha fonte de ingresos. Será o mércores 13 de maio a partir das 10.00 horas. Os contidos virán da man da experta Inma Gregorio.
O obxectivo é “mostrar como converter un proxecto dixital (web, contido, redes, etc.) nunha fonte de ingresos, combinando visión estratéxica con exemplos reais”.
A xornada está dirixida a pemes, autónomos e emprendedores.
A nivel de contidos, mostrará aos asistentes como rendibilizar contidos (o que si e o que non se pode rendibilizar), os diferentes modelos de monetización existentes, exemplos aplicados a distintos sectores (turismo, comercio local, servizos, perfís creativos, etc.), a importancia de construír activos propios fronte a depender unicamente de plataformas externas ou, tamén, como diferenciar aquel contido que funciona nun contexto de saturación de contido e uso crecente de intelixencia artificial.
A persoa encargada de impartir os contidos será Inma Gregorio, creadora de contido e profesional dixital con ao redor de 15 anos de traxectoria. É fundadora da World to Travel, unha plataforma en liña de alcance internacional desde a que desenvolveu distintas liñas de ingresos na contorna dixital, configurando un modelo sólido e diversificado.
O seu traballo sitúase na intersección entre mercadotecnia dixital, contidos e turismo, incorporando nos últimos anos unha mirada centrada na sustentabilidade e en formas máis conscientes de viaxar e desenvolver proxectos.
Ao longo da súa carreira colaborou con distintos axentes do sector e participou en iniciativas internacionais, o que a levou a visitar preto de 65 países no marco da súa actividade profesional.
En paralelo, impulsa Slowly Atelier (parte de Slowly Hub), unha liña orientada a proxectos creativos e dinamización sociocultural.
Esta xornada está cofinanciada polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Concello de Santiago de Compostela.
